O delegado de Iberdrola en Galicia inaugura “Almorzos con…” dos Enxeñeiros Industriais de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
"Almorzos con..."

“Almorzos con…”

O delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, foi o encargado de inaugurar a iniciativa “Almorzos con…”, organizada pola Delegación en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia. O delegado compostelán, Fernando Blanco, explicou que “con estes almorzos non pretendemos facer eventos multitudinarios, senón dirixirnos a profesionais relacionados co sector que se trate e pór en valor que Santiago é a delegación ideal para facer este tipo de actividades, que espero que se sigan celebrando en máis ocasións”.

Francisco Silva agradeceu a invitación do Colexio para analizar “os graves problemas para a industria derivados de que o sistema eléctrico español non funciona de maneira óptima. Ten tensións e iso afecta á pequena e gran industria, aos consumidores e á economía en xeral”. Neste sentido, Silva indicou que “a industria española ten unha desvantaxe competitiva moi grande fronte a países como Francia e Alemaña por erros de cálculo e de planificación”.

Durante algo máis de dúas horas, Silva presentou unha serie de datos que demostran que “as peaxes de acceso en España son moi superiores ao custo da enerxía. De feito, son os segundos máis elevados de Europa, só por detrás de Dinamarca”. Ademais, lamentou os erros de planificación da última década xa que “o sistema se dimensionou para unha demanda que non se cumpriu. A nivel local, un polígono empresarial baleiro significa a instalación de liñas eléctricas e demais infraestruturas que chegaron ata alí e que supuxeron un investimento pero que non se utilizaron”.

A pesar de todo, Francisco Silva destacou datos para a esperanza: “Desde 2008 a demanda eléctrica decrece ata xaneiro de 2015. Parece que o sistema industrial español empezou a recuperarse. É unha recuperación débil, pero que non se tiña desde 2007”. Tanto Fernando Branco como o vicedecano do Colexio, Constantino García, agradeceron a presenza de Francisco Silva na primeira edición de “Almorzos con…”, unha iniciativa que esperan que teña continuidade durante os próximos meses.

14 de maio de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.