O curso “Estratexias cidadáns para os tempos da crise” centrarase en Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O curso de verán de arquitectura Estratexias cidadáns para os tempos da crise que se desenvolverá no Concello da Laracha do 31 de agosto ao 4 de setembro foi presentado hoxe no Salón de Plenos polo alcalde, José Manuel López Varela, e polos impulsores desta iniciativa, os profesores da Área de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Cristóbal Crespo e Mónica Mesejo, e a arquitecta Sandra González.

Trátase dun proxecto dirixido a completar a formación académica do alumnado de arquitectura, arquitectura técnica, enxeñerías, socioloxía, humanidades e arte realizando un estudo da realidade urbanística e arquitectónica do Concello da Laracha desde diferentes perspectivas. A finalidade é reflexionar sobre as estratexias a seguir para reconducir a forma e a vida urbanas a partir da situación presente desde os puntos de vista da xestión ambiental e social e da arquitectura.

José Manuel López Varela abriu a quenda de intervencións agradecendo á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña que pensase no Concello da Laracha para levar a cabo este proxecto, agardando que “os veciños, técnicos e profesionais do sector do urbanismo poidan recoller as ideas e propostas que xurdan do curso para mellorar a nosa paisaxe urbana”.

O alcalde mostrouse tamén satisfeito por contar entre os organizadores do curso con Cristóbal Crespo, “un dos arquitectos que deseñou a piscina municipal da Laracha”, proxecto que naquela época fora “innovador” e que recibira ese recoñecemento obtendo “premios arquitectónicos de relevancia” e mesmo albergando “a rodaxe dunha película e anuncios publicitarios”.

Para o profesor Cristóbal Crespo, por cuestións de carácter económico “o espazo urbano pasou no últimos anos de ser un ben cultural a un ben patrimonial”, o que “fixo dano á mentalidade da xente”. Por iso considera que debe terse conciencia do público para, entre todos, lograr mellorar as vilas, e precisamente a finalidade da iniciativa e aproveitar os coñecementos e o enxeño dos ponentes e dos estudantes para obter ideas que poidan levarse a cabo.

A tamén profesora Mónica Mesejo achegou datos de relevancia sobre o curso, adiantando que a actuación se centrará na vila de Caión e que se dividirá entre a parte teórica (con ponencias a cargo de mestres, expertos e profesionais da arquitectura) e práctica (investigación con traballo de campo e toma de datos in situ). Haberá “entre vinte e trinta alumnos”, pero agárdase a presenza dun maior número de persoas nas ponencias, xa que a asistencia é libre e non require de matrícula previa.

As áreas de traballo estruturaranse en subgrupos que serán formados en base ás características dos alumnos. O resultado do traballo materializarase en paneis e en soportes dixitais, facéndose unha publicación cos mesmos ao remate do curso.

Os profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña aseguraron que animarán aos estudantes a que a investigación que se realice durante este verán na vila de Caión sexa obxecto do seu traballo de fin de grado.

O prazo de inscrición para participar no curso de verán Estratexias cidadáns para os tempos da crise está aberto desde a xornada de onte. As persoas interesadas en participar ou que desexen ampliar información deben poñerse en contacto coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

20 de maio de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.