O Coro Rías Baixas ofrecerá o concerto das Letras Galegas
O concerto enmárcase na programación das Letras Galegas 2015, dedicadas ao polígrafo Xosé Filgueira Valverde. O coro está dirixido por Bruno Díaz, Graduado Superior en Musicoloxía e en Instrumentos da Música Tradicional e Popular Galega, cunha longa traxectoria na dirección coral en agrupacións coma o Collegium Compostelanum, o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos.
O Coro de Cámara Rías Baixas fórmase a finais de 2013 en Vigo coa finalidade de suplir a carencia de formacións corais que poidan colaborar con orquestras, bandas e grupos de cámara no sur de Galicia. Ademais das colaboracións con grupos instrumentais, tamén pretende servir de impulso para novos solistas e de ferramenta para compositores noveis ou xa consagrados da área das Rías Baixas. O nome do coro resume dita finalidade, así como a procedencia variada dos seus compoñentes e o seu ámbito de actuación. Ten participado en diversos eventos musicais como no festival ExplurArt 2014 e no II Festival Groba no Auditorio de Ponteareas.
Nesta ocasión interpretarán un repertorio de música galega centrado en composicións do músico ponteareán Rogelio Groba, entre as que se inclúe a cantata “Anxos de Compostela”, sobre textos de Filgueira Valverde.
Programa:
A pandeirada da chuvia (música Rogelio Groba, texto Kety Quintana)
Van Comigo (música Rogelio Groba, texto Rosalía de Castro)
Campaíñas do Tea (música Rogelio Groba, texto José Luis Bugallal)
No meu colo (música Rogelio Groba, texto Manrique Fernández)
Anxos de Compostela (música Rogelio Groba, texto J. Filgueira Valverde)
A entrada é de balde.











