O Consorcio de Turismo lanza a campaña Explora Coruña!
O Consorcio de Turismo puxo en marcha a campaña Explora Coruña! para promocionar a cidade como destino familiar de proximidade. A iniciativa consiste en distribuír entre escolares de toda Galicia o cartón Coruña Card e en organizar actividades nas aulas que mostren de forma amena a oferta de lecer e cultural coruñesa que converte A Coruña no lugar perfecto para gozar dun fin de semana.
Expora Coruña! está dirixida a escolares de segundo a cuarto de Primaria (nenos de entre 7 e 9 anos) das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Trátase de celebrar nos colexios actividades lúdico-pedagóxicas coa Coruña como a gran protagonista mostrándoa como un destino atractivo para descubrir e aprender cousas apaixonantes sobre a historia, a natureza, a ciencia, a tecnoloxía e as artes.
Nas aulas celebraranse talleres de maquetas, cun xogo de mesa sobre a cidade, que serán impartidos por monitores caracterizados dos personaxes de María Pita e Hércules co fin de espertar a creatividade e a curiosidade dos nenos.
Tamén se distribuirán entre os alumnos os denominados cadernos de viaxe que mostran a oferta cultural da cidade ilustrada cun divertido mapa e onde se propoñen dúas rutas de fin de semana -con paradas nos museos, monumentos, parques e prazas máis emblemáticas da Coruña-, e un cuestionario que poderán cubrir os nenos unha vez visitada a cidade e polo que recibirán un premio (unha cometa) se durante a súa estancia foron exploradores atentos. Ao finalizar as actividades na aula, os nenos recibirán o seu cartón Coruña Card e o seu caderno de viaxe.
“Trátase dunha forma diferente de convidar os nenos e ás súas familias a que coñezan a nosa cidade”, explicou a presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, durante a presentación da campaña, que se desenvolverá ao longo de maio e xuño.
Cid explicou que Explora Coruña! chegará a máis de 2.500 escolares dun total de 21 colexios de distintas cidades e localidades de Galicia, entre elas, Ourense, Vigo, Pontevedra, Lalín, Viveiro, Poio e A Estrada.
Difundir Coruña Card
A campaña Explora Coruña! forma parte das accións desenvolvidas polo Consorcio de Turismo para difundir o cartón turístico Coruña Card, operativa desde principios de ano e que permite o acceso á Torre de Hércules, Casa das Ciencias, Domus, Acuario, Castelo de San Antón e Termaria.
Nesta primeira fase de captación e difusión do cartón, que finalizará a principios do verán, a Coruña Card está dispoñible a maioría dos establecementos hoteleiros da cidade. Así mesmo, ata o momento, case medio centenar de tendas e locais (restaurantes, cafetarías, xeadarías, tendas de aluguer de bicicletas, entre outros) presentaron a súa solicitude de adhesión, indicou Luisa Cid, quen lembrou que o prazo segue aberto.











