O consorcio As Mariñas lanza a segunda edición do premio José Luis Muruzábal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Presentación do Premio José Luis Muruzábal

Presentación do Premio José Luis Muruzábal

O éxito do primeiro Premio José Luis Muruzábal, que distingue a experiencias innovadoras no campo da saúde mental, leva ao Consorcio As Mariñas e a APEM (Asociación Prol Enfermos Mentais) a convocar a segunda edición. Ambas as entidades presentárona hoxe nun acto que tivo lugar na sede coruñesa da asociación.

O evento correu a cargo de José Antonio Santiso, presidente do Consorcio, María Antonia Pérez, presidenta de APEM e viúva de José Luis Muruzábal, e Nacho Crespo, responsable do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio. Tamén acudiron as concelleiras de Servizos Sociais dos Concellos de Arteixo, Culleredo e Cambre, cos que Muruzábal mantivo un estreito traballo.

A nova convocatoria do premio manterase en esencia con respecto ao ano pasado. Practicamente o único cambio, explicou Crespo, consiste en que se diferenciará entre o concurso individual ou dunha institución en concreto e que se permitirá nas bases que o premio sexa compartido, si así os considera o xurado.

O premio busca experiencias innovadoras no ámbito sociolaboral ou socioeducativo en persoas con enfermidade mental. Poderán optar a el todos os profesionais de ámbitos como a psiquiatría, a medicina ou as ciencias sociais, así como entidades públicas ou privadas que desenvolvan programas desta área.

Os traballos deben ser orixinais. O xurado terá en conta a innovación, claridade de exposición e aplicación práctica da proposta, resaltando o alcance e efectos dos beneficios que supoña. O prazo para presentar traballos finalizará o 31 de xullo deste ano; o xurado, de carácter multidisciplinar, fallará no mes de outubro.

O presidente do Consorcio avanzou que a aposta por uns servizos sociais mancomunados na área metropolitana “ampliarase” na nova mancomunidade. “Estamos convencidos que se algo hai que potenciar como unión de concellos será a atención social e así será na mancomunidade”, afirmou.

Santiso enxalzou o traballo técnico para cuestións como a inserción sociolaboral que na comarca leva a cabo desde o Consorcio. Tamén encomiou o traballo e bo funcionamento de APEM, coa que espera incrementar as vías de colaboración tamén na mancomunidade.

A presidenta de APEM agradeceu o apoio que recibe do Consorcio e os Concellos para contribuír á inserción das persoas con enfermidade mental. Esta mesma opinión foi trasladada por unha usuaria de APEM, que pediu a palabra para resaltar o gran cambio que viviu a asociación para unha mellor atención.

Polo seu lado, Crespo lembrou a “gran participación” lograda na primeira edición, na que se premiou á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, por un proxecto deportivo, e ao centro especial de emprego Emprego Social. “Queremos seguir promovendo novas ideas para mellorar as condicións de persoas con esta problemática”, asegurou.

4 de maio de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.