O Concello de Vilagarcía informa á pequena e mediana empresa sobre as axudas estatais para elaborar plans de igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía informa ás pequenas e medianas empresas sobre as axudas que acaba de convocar o Estado para a elaboración de Plans de Igualdade. O departamento que dirixe Ángeles Rodríguez participa nun proxecto europeo para promover a implantación de plans de igualdade en todas as organizacións e colectivos tanto empresariais, como sindicais ou de calquera outro ámbito da sociedade. Informar das ferramentas e posibilidades de financiamento existentes é unha das liñas de traballo desta área municipal.

As bases reguladoras para as axudas que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade concederá ás pequenas e medianas empresas para a realización de Plans de Igualdade publicouse no BOE do 27 de abril. As axudas están dirixidas a a pequenas e medianas empresas, entidades cooperativas , comunidades de bens, asociacións e fundacións entre 30 e 250 traballadores.

A realización e implantación de Plans de Igualdade nas empresas recóllese na A Lei orgánica 3/2007 de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Os Plans de Igualdade son unha ferramenta na que se recollen un conxunto ordenado de medidas tendentes a acadar a igualdade de oportunidades e de trato así como a eliminación das discriminacións por razón de xénero, das traballadoras e traballadores, no ámbito da empresa.

As subvencións concedidas irán destinadas a cubrir os gastos de realización de diagnóstico da situación da entidade en relación á igualdade de oportunidades de homes e mulleres na entidade; os derivados da elaboración do Plan de igualdade e os correspondentes á implantación do plan na súa primeira fase (campañas de sensibilización, accións de formación, novas contratacións relacionadas co Plan).
O prazo de presentación será de 15 días hábiles a partir do día seguinte da publicación no BOE, é dicir ata o 15 de maio. A contía de cada subvención no poderá ser superior os 10.000,00€.

O prazo de realización do Plan de Igualdade é o comprendido entre a resolución desta solicitude e o 31 de agosto de 2016.

4 de maio de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.