publicidade hoxe

O Concello de Verín recibe un novo vehículo para os servizos de emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Concello de Verín acaba de recibir, por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, un todoterreo tipo pick up que será destinado a emerxencias e utilizado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín.

Esta adxudicación de equipamentos de emerxencias foi concedida no marco da liña de axudas a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

Este novo vehículo todoterreo está destinado a satisfacer un servizo voluntario de Protección Civil co obxecto de garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas.

Curso básico de Protección Civil

Ao longo deste fin de semana e o próximo, terá lugar na Casa da Xuventude de Verín un Curso Básico de Protección Civil para novos/as voluntarios/as das agrupacións de Verín, Vilardevós e Laza. Un total de 25 persoas que recibirán formación básica en lexislacion de emerxencias, comunicacións en emerxencias, incendios e primeiro auxilios. O devandito curso tamén inclúe formación práctica de loita contra incendios forestais e urbanos, que se realizarán no Parque comarcal de Bombeiros de Verín. Trátase dun curso obrigatorio para toda aquela persoa que queira ser voluntario/a nunha agrupación de Protección Civil e realízanse dúas veces ao ano (por parte da Escola Galega da Administración Pública).

13 de maio de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.