publicidade hoxe

O Concello de Verín mostra a súa repulsa ao acto de violencia de xénero que acabou coa vida dunha veciña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, en nome de toda a corporación municipal, emite o seguinte comunicado institucional no que “condenamos publicamente o acto de violencia de xénero que tivo lugar hoxe en Ourense, e que terminou coa vida de María Isabel Fuentes Fernández. Queremos manifestar a nosa consternación pola súa tráxica morte, e a nosa solidariedade cos familiares e amigos/as desta veciña da localidade, acompañándoos nestes momentos de dor e pesar”.

Ás 14 horas terá lugar unha reunión, con carácter de urxencia, da Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero, e ás 14.30 horas, convócase unha concentración diante da casa consistorial de Verín, “á que invitamos a participar a todos os nosos veciños e veciñas”, e na que se lerá un comunicado en nome da Mesa e do Concello de Verín de repulsa ante o acto de violencia de xénero acontecido hoxe.

Por outra banda, realízase un chamamento a toda a poboación co obxecto de protexer as vítimas e rematar co silencios que amparan a violencia de xénero. Uns actos que poden ser denunciados nos teléfonos 016 ou 900 400 273, así coma ante as Forzas e Corpos de seguridade ou nos Xulgados (neste caso concreto non hai constancia de denuncia previa). Ademais, recordar que o Concello de Verín conta cun departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información ás Mulleres-CIM, uns servizos totalmente gratuítos que ofrecen atención permanente para as necesidades de todas as mulleres do municipio e bisbarra, de modo anónimo e confidencial.

Para finalizar, recordar que todas as formacións políticas que concorren aos comicios municipais do 24 de maio suspenderán todos os actos de campaña electoral previstos para hoxe no municipio de Verín.

8 de maio de 2015 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.