O Concello de Tui diminuirá o gasto enerxético e o impacto ambiental en instalacións públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

O Concello de Tui asinou recentemente coa Deputación de Pontevedra un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto “Depogap: Xestión de activos da provincia de Pontevedra”. O seu principal obxectivo é dotar ao concello de información interna que lle permita optimizar a xestión dos seus activos, amais de fomentar a participación dos cidadáns na administración, e adquirir o coñecemento necesario sobre eficiencia enerxética para diminuír o gasto enerxético e o impacto ambiental. Perséguese así o uso eficiente dos activos públicos coma edificios públicos, instalacións polideportivas, centros sanitarios ou de ensino, vías públicas, parques e xardíns, iluminación pública, contedores…

O desenvolvemento do proxecto implica por unha banda realizar un inventario dos activos municipais, elaborar un catálogo de normas e procedementos de actuación para garantir a súa actualización continua, amais da posta en marcha dunha plataforma tecnolóxica para a xestión destes activos. Tamén inclúe probas piloto de eficiencia enerxética e a realización dun plan de xestión do cambio mediante a execución dun plan de comunicación, formación e dinamización. Tamén se contempla fomentar a participación e a comunicación coa cidadanía ao través dun portal e unha aplicación para dispositivos móbiles.

Este proxecto Depogap está cofinanciado nun 70% polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ao través de fondos FEDER.

4 de maio de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.