O Concello de Ourense pón en marcha o programa “Ocio en familia”
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense pón en marcha o programa “Ocio en familia”, que pretende ofrecer ás familias da cidade (nais, pais, fillos e fillas) a posibilidade de desfrutar dun ocio en común, san, alternativo e divertido, que ademais facilite a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana.
Dirixido a familias con nenos e nenas de 8 a 14 anos, “Ocio en familia” propón diferentes actividades coas que fillos/as e protenitores terán a oportunidade de descubrir a cidade, practicar deporte e xogar, potenciando a curiosidade dos rapaces dun xeito lúdico.
A concelleira de Saúde, Marga Martín e a técnica municipal Luisa Rodríguez presentaron este novo programa municipal, que inclúe media ducia de propostas, gratuítas, que se desenvolverán desde maio ata xullo
1. ANDAINA SEN FUME (31 de maio, de 10 a 13h)
Camiñar a ruta das pontes en familia celebrando o día mundial sen tabaco e rematando cun almorzo saudable.
2. MIRA OURENSE CON OUTROS OLLOS (7 de xuño de 10 a 13h).
Paseo pola zona antiga con visita guiada a catedral, aos panteóns de galegos ilustres no cemiterio, o claustro de San Francisco e o museo arqueológico, coñecendo os rincóns con máis encanto.
3. XOGOS PARA COMPARTIR (14 de xuño de 10 a 13h)
Esta actividade consiste en retomar os xogos de sempre compártindoos cos/as fillos/as, ao tempo que se favorece a comunicación nun ambiente lúdico e ao aire libre competindo coas demais familias para favorecer un bo proceso de socialización.
4. CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA AUGA E RUTA TERMAL (21 de xuño de 10 a 13h)
Aproveitar os recursos termais que ofrece a nosa cidade, facendo unha ruta para coñecelos, con desprazamento no Tren das Termas e rematando cun baño saudable.
5. A LUZ DA LÚA (27 de xuño, de 10 a 12h)
Percorrido nocturno polos arredores da cidade: pais, nais e fillos/as, rematando na verbena das festas de Ourense cunha consumición en familia.
6. I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA (Para as persoas participantes no programa), cunha exposición o día 5 de xullo.
As familias interesada poden inscribirse ata o día 27 de maio, ou solicitar máis información na Concellería de Saúde, na rúa da Concordia nº 20 entrechan, teléfono 988510622. No caso do concurso de fotografía, o prazo estará aberto ata o día 1 de xullo.
O obxectivo deste novo programa é que nais e pais podan desenvolver as habilidades que fomenten una dinámica de convivencia familiar positiva e que facilite o desenvolvemento integral de menores e adultos/as no ámbito familiar, dando resposta á demanda dos/as cativos/as de pasar máis tiempo cos/coas proxenitores/as e destes e destas de coñecer alternativas de ocio saudable.
Escola de Nais e Pais e Servizo de apoio ás familias
“Ocio en familia” únese aos programas de educación familiar que desenvolve a Concellería de Saúde, co obxectivo de apoiar a nais e pais no proceso evolutivo, madurativo e educativos dos/as nenos/as, tentando fortalecer o seu papel referencial e potenciar a comunicación e as habilidades sociais necesarios para favorecer un bo clima emocional e de relación.
A Concellería desenvolve programas de prevención universal, como Escola de Nais e Pais, e de prevención selectiva: SMaFF (Servizo municipal de apoio ás familias con fillos/as), que presta atención directa aos/as proxenitores/as e axentes educadores que o soliciten ante calqueira problema de tipo condutual.











