O Concello de Ourense organiza a 14ª Mostra de Teatro Escolar
A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición, a número 14, da Mostra de Teatro Escolar MOTECES 2015. Desde mañá, martes, 5, ata o venres, 15 de maio, un total de 8 grupos de teatro doutros tantos centros de ensino da cidade representarán as súas obras no salón de actos da Escola Municipal das Artes Escénicas de Ourense.
Mil alumnos e alumnas asistirán ás representacións das obras, por parte dos grupos dos IES Blanco Amor, Otero Pedraio, As Lagoas, Universidade Laboral, CPR Santa Teresa de Jesús, Santo Ángel e Divina Pastora, CIFP A Carballeira. Todas as actuacións serán ás 12:00h.
Martes, 5 de maio. Comeza a MOTECES coa actuación do grupo “Baralláns-Teatro” do IES E. Blanco Amor, que representará a obra “Entremeses” dirixida por Miguel Fernández Alonso, con público asistente do IES E Blanco Amor e do CPI José G García
SINOPSE: No IV Centenario da 2ª parte do Quijote, pretendemos lembrar a Miguel de Cervantes creando entusiasmo entre os novos espectadores polo teatro do chamado Século de Ouro.
Nun curral de comedias representarase “La Cueva de Salamanca” e “El Retablo de las Maravillas” onde, algúns dos comediantes, amosarán inventiva, imaxinación, sedución, artimañas, enredos, equívocos, enganos, picardías…, para acadar as súas pretensións.
Mércores, 6 de maio. O grupo “Jopelines Mary Teatro” do IES Otero Pedraio representa a obra “Xoana quere ter medo” dirixida por Pablo Silva e con público asistente do CPR Sta. Teresa de Jesús
SINOPSE: Farsa baseada no argumento do coñecido conto dos Irmáns Grimm “Juan sen medo” e adaptada polo grupo para convertela nunha historia de risa pero un pouco escura, con suficientes doses de misterio, arañeiras, mortos viventes, esqueletos, pantasmas, ogros…
Xoves, 7 de maio. O grupo de teatro do IES Lagoas leva a escea a obra “O Show” dirixida por Ledicia Álvarez (Lele) con público asistente do IES E. Blanco Amor e do CPR Divina Pastora
SINOPSE: Antes de nacer xa está enfronte das cámaras. Miles de cámaras ocultas filman a súa vida e é retransmitida en vivo a todo o mundo. Todo é un decorado, ate o sol. Isto é “o show”.
Luns, 11 de maio. O grupo “Vedruna Teatro” do CPR Sta. Teresa de Jesús (Carmelitas) representa a obra “Pax Romaniem” dirixida por Pablo Silva con público asistente do CPR Sto. Ángel.
SINOPSE: Comedia de intriga e suspense ambientada na Roma imperial. Recrea as paixóns que movían as cabriolas do Imperio: amor, ambición, poder, rancor, deber.
Martes, 12 de maio. Grupo “Caixadesastre” do CPR Sto. Ángel coa obra “Marxinados” dirixida por Andrés Rodríguez Yáñez con público do IES Lagoas
SINOPSE: Un famoso decide rematar a súa carreira como educador nun internado. Alí soamente nenos e nenas excluídos do mundo por culpa de pais e nais inmersos no mundo do alcohol, drogas e miseria.
Tamén un lugar para a tenrura e o amor.
Mércores, 13 de maio. Grupo “Carrabouxos Teatro” do CIFP Carballeira coa obra “La Ratonera” dirixida por Margarita Varela e con público asistente do IES Universidade Laboral e do IES Xesús Ferro Couselo
SINOPSE: Oito personaxes ailladas accidentalmente pola neve na casa de hóspedes de Monkswell Manor. Na radio escóitase unha inquedante noticia; búscase un asasino que parece estar entre eles… e nada é o que parece!
Xoves, 14 de maio. Grupo “IAD12+13” do IES Universidade Laboral coa obra “Vodas de Sangue” dirixida por Matilde Vázquez con público asistente do IES E. Blanco Amor e do CPR Divina Pastora
SINOPSE: Vodas de sangue recolle a paixón amorosa dun home e unha muller por riba dos odios familiares e das normas sociais e ten como fin unha traxedia colectiva: a noiva foxe co seu antigo noivo o día da súa voda e iso orixina a morte dos dous rivais.
Venres, 15 de maio. Ás 12.00h terá lugar a derradeira representación da mostra a cargo dun novo grupo “XXFF 2.0” do CPR Divina Pastora (Franciscanas) coa obra “Mar de Néboa”. Este centro de ensino é a primeira vez que participa na MOTECES
SINOPSE: Xairo, un adolescente con amor especial polo baloncesto e pola banda de rock Queen, sofre en carnes un terríbel accidente de tráfico que o deixa en cadeira de rodas e orfo de pai e nai. A situación familiar que lle resta, irmá menor e unha curmá, tentará por todos os medios que se recupere psicolóxica e fisicamente dos seus medos a volver ser un rapaz normal.
O mesmo día, ás 13.00h será a entrega de premios á gañadora do III Concurso de Carteis MOTECES (para alumnado de Secundaria) e, con motivo da celebración da Semana das Letras Galegas, entregaranse tamén os dous premios do III Certame de Microrrelato on line (un para a modalidade de primaria e outro para a modalidade de secundaria) que este ano leva por título “Monumentos de Ourense” e farase lectura dos dous traballos











