O Concello de Mos contratará a 5 persoas en situación ou risco de exclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que o vindeiro 12 de maio celebrarase o tribunal de selección das 5 persoas en situación ou risco de exclusión social preceptoras de RISGA cuxa contratación se prolongará durante 7 meses.

As representantes municipais explicaron que este programa de inserción laboral é posible gracias á subvención íntegra dos salarios destas 5 persoas por parte do Servizo de Emprego e Formación da consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O importe total da axuda autonómica que lle foi concedida ó Concello de Mos para este fin ascende a 52.280,25 euros.

Os traballadores, con contrato de 7 meses e cunha xornada laboral do 75%, serán todos persoas preceptoras da RISGA cunha antigüidade mínima de 6 meses e que estiveran inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas.

O Concello de Mos xa conta actualmente con 10 persoas en situación ou risco de exclusión social preceptoras de RISGA, que xa están a traballar para a administración local, polo que cos 5 novos contratados sumarán un total de 15. O importe total da axuda autonómica que lle foi concedida ó Concello de Mos para estes 10 traballadores ascendeu a 102.834,46 euros.

Os 5 contratados repartiranse en diferentes postos de traballo. 2 das persoas serán peóns de obras públicas, outra operario de mantemento de edificios, outra oficial de segunda pintor e un auxiliar administrativo que estará destinado á Biblioteca Municipal como reforzo do persoal actual, dado o incremento de usuarios destas instalacións municipais e o conseguinte aumento de actividade nas mesmas.

O operario de mantemento de edificios adicarase á reparación de pequenas avarías nos edificios e nas súas instalacións, realizando traballos sinxelos de albanelería, electricidade, fontanería, calefacción, carpintería, pintura e empapelado. O oficial de segunda pintor adicarase á preparación e pintado de todo tipo de superficies.

Con esta acción súmase un paso máis á loita contra o desemprego en Mos, que é, se cabe, máis importante aínda ó tratarse de veciños e veciñas en situación ou risco de exclusión social.

5 de maio de 2015 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.