O Concello de Lugo paga un recargo á Seguridade Social que considera abusivo e vai recurrir

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Concello de Lugo paga 104.757,72 euros á Tesourería Xeral da Seguridade Social que, nunha actuación absolutamente desleal entre administracións, impuxo un recargo abusivo do 20% que será recorrido pola Administración local.

O Concello de Lugo lamenta que a voracidade recaudatoria da Tesourería Xeral da Seguridade Social sexa merecedora dos parabéns do Partido Popular, que xa nos ten afeitos a aplaudir os abusos que sofrimos os lucenses por parte de administracións gobernadas por Rajoy e Núñez Feijóo. 

É falso que o Concello de Lugo tivera que pagar ningunha multa, como sostén na súa última, que non derradeira, manipulación o Partido Popular de Jaime Castiñeira que, coma sempre, aparece en primeira fila cando se trata de atacar os intereses do Concello aplaudindo os abusos por parte doutras administracións e nunca dá a cara cando do que se trata é de defender o que necesitan e reclaman os lucenses, os servizos para o HULA ou o ferrocarril, por poñer só dous exemplos.

A estas alturas, os lucenses xa sabemos que, cando se trata de defender a Lugo, Castiñeira nin está nin se lle espera. 

O Goberno local quere aclarar que, a diferencia do que lles sucede a moitas administracións que teñen dificultades para facer fronte ós pagos, o Concello de Lugo paga  sempre puntualmente as súas cotas á Seguridade Social (orredor de 500.000 euros mensuais). 

O pago da cota da Seguridade Social do mes de xaneiro foi asinada o venres día 27 de febreiro e, por ser sábado o último día do mes, o 28 de febreiro (inhábil a efectos SEPA), realizouse o pagamento o día 2 de marzo, o primeiro día hábil posterior, como permiten todas as Administracións, incluído o Concello pero, ó parecer, non así a Seguridade Social que, por certo, non contribúe a dar facilidades para realizar os pagos mensuais posto que non permite extraer os recibos ata o día 25 de cada mes. 

A Seguridade Social considera o pago realizado fóra de prazo e estableceu un recargo do 20%, o mesmo que se o retraso fora de varios meses, e o Concello procedeu de inmediato ó pago desa cantidade porque, aínda que considera discutible o recargo e pelexará en contra del, non está disposto a figurar como deudor, en primeiro lugar porque non o é e tamén porque ser moroso impide o acceso a subvencións públicas ás que este Concello ten dereito. 

O Concello de Lugo non só é vítima dun insólito caso de deslealdade senón que sofre as consecuencias do afán recaudatorio do Goberno de Rajoy, igual que lle sucede a moitas pequenas empresas e autónomos. Moitas pequenas empresas e autónomos vén agravada a súa situación económica por mor do afán por facer caixa do Goberno de Rajoy que eliminou os treitos escalonados de recargo por ingresar fóra de prazo as cotizacións sociais. Un Decreto ditado polo Goberno do PP estableceu un recargo único do 20% para os ingresos fóra de prazo eliminando o anterior sistema de treitos escalonados que antes oscilaban entre o 3% para os pagos con un mes de retraso e o 20% a partir do cuarto mes.

21 de maio de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.