O Concello de Ferrol consensúa coa Asociación de Diversidade Funcional a redacción da ordenanza municipal de accesibilidade

Rey Varela con representantes da asociación
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia Pérez, informaron esta mañá de medidas para a mellora da accesibilidade no municipio. Estas son: a redacción da primeira ordenanza municipal de accesibilidade que estará completamente adaptada á normativa autonómica actual, e o proxecto de mellora do acceso a 200 cruces de peóns no municipio ferrolán. En ambas actuacións, o executivo de Rey Varela conta coa colaboración do colectivo de persoas con diversidade funciona e, de feito, os representantes da Asociación Diversidade Funcional Ferrol, José Díaz e Mari Morado, acomparon esta mañá ao alcalde e ao titular de Urbanismo.
Rey Varela agradeceu a colaboración e implicación deste colectivo, que está a participar no proceso de redacción da que será a primera ordenanza de accesibilidade do Concello de Ferrol. Ao respecto, o primeiro edil da cidade subliñou que esta nova regulamentación “estará plenamente adaptada á normativa autonómica de accesibilidade aprobada o pasado ano”, dixo. Así mesmo, e de maneira paralela á redacción da ordenanza, Rey Varela explicou que o proxecto impulsado pola Concellería de Urbanismo e Infraestruturas que permitirá a mellora da accesibilidade en 200 cruces de peóns no municipio “está xa adxudicada e está case finalizándose”. Esta proposta, que elabora a empresa Eptisa, está a ser consensuada coa Asociación Diversidade Funcional co obxectivo de atender as súas demandas e necesidades. A execución do proxecto rondará os 208.000 euros, segundo a reserva orzamentaria contemplada no Presuposto Xeral do Concello de Ferrol para o presente exercicio de 2015.
Pola súa banda, os representantes da Asociación de Diversidade de Ferrol, Jose Díaz e Mari Morado, consideraron fundamental a accesibilidade universal “tanto para persoas con diversidade física e sensorial como intelectual”. Neste sentido, Mari Morado valorou a ordenanza municipal de accesibilidade en que están a traballar conxuntamente co edil Guillermo Evia, considerándoa un referente nacional: “Ferrol será a primeira cidade española que teña unha ordenanza municipal de accesibilidade universal”, dixo.











