O Concello da Laracha inicia o proceso de contratación do proxecto de mellora da iluminación pública
O Concello da Laracha iniciará nos próximos días o procedemento de contratación do proxecto de mellora do servizo municipal de iluminación pública, que inclúe a renovación de máis de medio centenar de cadros eléctricos. A actuación, valorada en máis de 50.000 euros, será cofinanciada con fondos procedentes da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, que vén de comunicar a concesión dunha subvención ao abeiro da convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais (DOG núm. 245 do 23 de decembro de 2014).
Deste xeito o Concello da Laracha modernizará ditas instalacións incorporando nas mesmas mecanismos como os reloxos astronómicos, elementos que permiten o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar, o que implica unha maior eficiencia e aforro enerxético.
Os traballos que se levarán a cabo afectarán ao alumeado público de núcleos de poboación rural das parroquias de Lemaio, Cabovilaño, Vilaño, Lendo, Torás, Lestón, Coiro e Golmar que se sitúan máis próximos á estrada AC-552, eixo vertebrador da rede viaria municipal.
Este proxecto, ideado e deseñado polo Concello da Laracha, terá continuidade cunha segunda fase de actuacións que afectaría ás parroquias restantes e a outros cincuenta e tres cadros eléctricos, nos que se pretende acometer unhas actuacións de similares características. Neste caso solicitouse recentemente a participación na convocatoria do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para proxectos de aforro e eficiencia enerxética, proposta que está pendente de resolución.
O Concello da Laracha realizara previamente unha completa auditoría para coñecer o estado actual dos cadros eléctricos. Na zona rural detectouse a conveniencia de substituílos para unha maior eficiencia e aforro enerxético. Nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión comprobouse que as infraestruturas do alumeado público municipal (cadros eléctricos, caixas e báculos) presentan un excelente estado de conservación e cumpren estritamente coas condicións de seguridade requiridas.











