O Concello da Laracha contratará 29 persoas para prestar servizos de interese xeral no municipio
O Concello da Laracha, por iniciativa municipal e tamén participando en programas convocados pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, contratará de xeito temporal 29 persoas que durante os próximos meses desenvolverán traballos de interese xeral municipal tanto para os veciños como para visitantes.
O obxectivo, ademais do correspondente fomento do emprego e dar a oportunidade aos aspirantes de acceder a un posto de traballo e formarse na súa función correspondente, é reforzar certos servizos municipais de cara ao verán e o outono, épocas do ano na que se rexistra unha maior presenza de turistas, se concentran a maioría das celebracións e festas populares e na que se require dun maior esforzo no mantemento en bo estado de conservación dos medios naturais ante a crecida da vexetación.
Nesta semana comezaron a prestar os seus servizos ao Concello da Laracha as dúas persoas que forman o equipo para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental. Foron contratadas por un período de sete meses no marco do programa convocado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Por outra parte, a finais desta semana está previsto que sexa publicado o listado de admitidos e as datas para a realización das probas de selección dos tres auxiliares de Policía Local que o Concello da Laracha contratará por un espazo de seis meses. Tras rematarse o período de solicitude de participación no procedemento, haberá 43 aspirantes ás prazas convocadas.
En colaboración coa Deputación Provincial da Coruña o Concello da Laracha contratará a quince persoas para formar as cuadrillas de conservación e mantemento de entornos medioambientais de cara á próxima época estival e a outros tres operarios que comporán o equipo de obras e servizos municipais. En ambos casos as convocatorias que rexerán os procedementos de selección serán publicadas nos próximos días, abríndose nese momento o prazo para que as persoas interesadas presenten a súa correspondente solicitude para optar ás prazas.
Por último, o Concello da Laracha tamén ten solicitado participar no programa convocado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia –pendente de resolución- sobre cooperación coas entidades locais para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade. Neste caso, e do mesmo xeito que en anos anteriores, a pretensión é contratar seis persoas para prestar o servizo de socorrismo e salvamento na praia de Caión durante o verán.
Desde este ano, e despois do convenio asinado recentemente entre o Concello da Laracha e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), dito equipo de socorrismo de Caión será reforzado con alumnos dos cursos desenvolvidos pola citada entidade que realizarán as súas prácticas no areal caionés.











