O Concello da Guarda repartirá libros entre os nenos que acudan a sesión de contos tradicionais na feira do libro
O Concello da Guarda ultima os preparativos para a “Feira do Libro” que terá lugar este domingo, coincidindo co Día das Letras Galegas. Un atractivo máis para que os veciños e veciñas da localidade e tamén os visitantes, se animen a participar nesta actividade cultural, é o reparto de libros que terá lugar durante a sesión de contos tradicionais a cargo de Andrea Bayer.
Esta actividade, como o resto das programadas para a “Feira do Libro”, celebrarase na Praza do Reló, a partir das 12,30 horas. A todos os nenos que acudan a escoitar os contos na voz de Bayer, o Concello, lles entregará un libro, para animar, unha vez máis, á lectura ós máis pequenos. En total repartiranse 100 exemplares.
Esta é unha das iniciativas programadas, pero hai moitas máis. Así, durante toda a xornada, dende as 11 da mañá, estarán abertos os postos de venta de libros. En total haberá seis librerías, un posto exclusivo do Concello e outro de intercambio. Neste último, todos os interesados poderán cambiar un exemplar seu que estea en boas condicións por outro en igual estado.
Todos os exemplares que se poñan á venda durante este día terán un 20% de desconto. A partir das 17 horas, comezará un obradoiro infantil, no que os rapaces e rapazas farán manualidades nas que recordarán á figura de Filgueira Valverde. Unha hora máis tarde, comezará a firma de libros a cargo de Elena Gallego, coñecida como J.K. Rowlling galega, por ser a autora da trioloxía de “Dragal”.
Ás 19 horas, comezará o monólogo a cargo de Oswaldo Digon, lugués que recorreu España subido ós escenarios dos teatros e participou no programa televisivo “El club de la comedia”. Ó finalizar este espectáculo, entre as 20 e as 20,30 horas, comezará o sorteo de varios lotes de libros entre aquelas persoas que mercasen libros nos postos colocados na Praza do Reló.











