O Concello da Guarda organiza obradoiros de cociña dentro das actividades do Maio Gastronómico e Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Concello da Guarda organiza obradoiros de cociña dentro das actividades previstas para celebrar o “Maio Gastronómico e Cultural”. Estes talleres, que se crean baixo o nome de “O día do Mercado” están dirixidos tanto a nenos coma a adultos e teñen como obxectivo mostrar a importancia da alimentación san e saudable.

Este sábado, día 9, celebrarase na Praza de Abastos, o primeiro dos obradoiros dirixido a nenos e nenas de entre seis e trece anos de idade. Os participantes poderán divertirse e aprender realizando tres talleres diferentes: un de “Macedonia de froitas”, outro de “Recheo, decoración e presentación dunha filloa” e o terceiro de “Mini pizzas”. Con estas tres receitas os monitores ensinarán os rapaces e rapazas o divertido que é a cociña á vez que mostran o importante que é manter unha dieta san e variada. O obxectivo primordial é que os menores se familiaricen coa cociña e sexan conscientes da necesidade de coñecer os alimentos.

Para que os rapaces e rapazas poidan rotar e pasar polas tres actividades haberá unha inscrición ese mesmo día. O horario do taller é de 11 horas a 13 horas. Por outra banda, o sábado 30 de maio, tamén na Praza de Abastos e dentro da programación de “O día do Mercado”, terá lugar un “showcooking” para adultos, nos que se mostrarán moitas e moi diferentes receitas sans e saudables. De novo, con esta actividade búscase facer fincapé na importancia que ten para un os bos hábitos de vida e por suposto a alimentación equilibrada.

4 de maio de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.