O Concello da Guarda cede un local á asociación “Conrazones” para a súa labor social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e o presidente da Asociación “Conrazones”, José Antonio Gómez, asinaron hoxe un convenio no que o Concello cede o uso da escola unitaria de Sete Camiños a este colectivo para que desenvolva a súa labor coas persoas máis desfavorecidas.

Na sinatura, que tivo lugar no propio local e na que estiveron presentes o Concelleiro de Cultura, Antonio Lomba, a Concelleira de Servizos Sociais Mª Teresa Vicente, e membros directivos da asociación, ambas partes mostráronse moi satisfeitos. “Nestes momentos o Concello debe traballar coas persoas máis necesitadas e se esta asociación o está a facer, nós temos que estar o seu carón para que poidan traballar nas mellores condicións”, afirmou o alcalde da Guarda.

Pola súa banda, o presidente de “Conrazones” destacou que este novo local é unha mellora, sobre todo, para as persoas que acoden a eles en busca de axuda. Gómez recalcou que é o lugar axeitado xa que está “apartado do centro”, polo que lles da intimidade ós usuarios. “Agora poderemos ter o roupeiro separado do banco de alimentos, teremos unha zona para as oficinas e tamén un espazo para gardar os utensilios da horta… estamos moi contentos”, contou Gómez.

Os columpios que están na zona verde da escola, afirmou o presidente da asociación, tamén lles serven para entreter ós nenos mentres os seus pais recollen, por exemplo, os paquetes de comida. “É moi importante distraer ós rapaces. Aquí parece que agora veñen xogar”, contou Gómez.

O presidente da Asociación quixo destacar que a súa liña de traballo está na procura de necesidades que non estaban cubertas con outras entidades. De este modo, conta Gómez, nace por exemplo a horta solidaria ou o roupeiro.

Na actualidade, “Conrazones” atende a máis de 80 persoas polo que manifestaron que era “primordial” contar cun local no que levar a cabo as súas tarefas.

José Manuel Domínguez non dubidou en agradecer a esta asociación, e o resto de entidades coma a Cruz Roja, San Vicente de Paul, Avelaíña, San Xerome Emiliani e As Samaritanas, o traballo que fan coas persoas máis necesitadas. “Sería moi difícil para o Concello, se non existisen todas estas entidades, afrontar todas as necesidades que presentan as persoas”, afirmou o alcalde da localidade.

6 de maio de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.