O Concello da Coruña únese á celebración ‘100 anos no barrio de Atocha’
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá os actos de celebración con motivo do centenario da chegada da imaxe do Neno Jesús das Uvas e Espigas ao barrio de Atocha que organiza a Grande Obra de Atocha en colaboración co Concello da Coruña; acompañada de Mª Celsa Fenda, directora do CPR A Grande Obra de Atocha, Juan Seijo, presidente da Comisión Organizadora do Centenario e Ricardo Rey, coordinador artístico do evento.
“Sumámonos a esta festa cunha serie de actos simultáneos de carácter cultural e festivo na contorna do barrio, abertos á participación e goce da cidadanía, sobre todo, como toda a programación deseñada por este Goberno municipal, aos máis pequenos da casa”, destacou Fernández.
Así, este sábado, día 16 de maio, a partir das 10.00 horas, arrincará a celebración cuns pasarrúas polo barrio a cargo do Coro Galego Cantigas da Terra para dar paso, de 12.00 a 14.00 horas, ás actividades infantís na praza de España. “Trátase de que artesáns da nosa cidade esperten a creatividade nos nenos, ensinándolles diferentes técnicas”, explicou a concelleira, quen detallou que haberá talleres de mosaico en miniatura, decoración de galletas, reciclaxe de instrumentos musicais, bixutaría creativa, cometas, decoración con pinzas, maquillaxe de fantasía ou globoflexia; ás que se sumará o espectáculo infantil Ne me quitte pas, do retrete de Dorian Grey, con microteatro en horario de mañá e tarde.
De 18.00 a 19.00 horas, a praza das Capuchinas acollerá unha acción de arte rueira que fusiona música e pintura nun espectáculo único e diferente no que o artista Fernando Seage realizará unha obra en directo acompañado polo trío de corda e piano Keilin 4 Ensemble.
Na praza de San Nicolás, de 18.25 a 18.45 horas, realizarase unha actuación sorpresa coa participación de máis de 100 membros de corais coruñesas como O Eco, o Coro da Escola Municipal de Música ou o Coro da Grande Obra de Atocha que estarán acompañados por 35 músicos da Orquestra Nova da OSG e profesores da Escola Municipal de Música.
“Trátase dunha iniciativa que se nutre da música, coa participación de infinidade de entidades e músicos da nosa Orquestra Nova e de Nenos, que aposta, unha vez máis, polos nenos, pola gratuidade e pola dinamización dos barrios da nosa cidade”, concluíu a tenente de alcalde de Cultura.
A festa de Atocha concluirá coa realización dun mosaico xigante, de máis de 300 pezas, na praza de España e a solta de 1.000 globos que previamente serán personalizados polos nenos e nenas que participen no taller Unha palabra, un desexo.











