O Concello da Coruña organiza actividades para a integración dos nenos de familias inmigrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Servizos Sociais, informa de que saíu a concurso o desenvolvemento de actividades de dinamización socioeducativa e adquisición de competencias lingüísticas, culturais e sociais que se dirixen á poboación inmigrante que se atende na Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI).

O Concello licita este servizo para poder cubrilo durante os dous próximos cursos escolares, polo que o contrato estará vixente entre o 1 de setembro deste ano e o 30 de xuño de 2017. As actividades enfócanse a unidades familiares inmigrantes con menores de entre 3 e 16 anos -coa posibilidade de chegar aos adolescentes de ata os 18 anos, sobre todo cando non finalizaron a educación obrigatoria-.

O prazo para presentar ofertas para o desenvolvemento destas actividades finaliza o 1 de xuño ás 13.00 horas. O orzamento de licitación é de 34.320 euros por curso. Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto Escola intercultural de apoio educativo e promoción social, destinado á poboación inmigrante atendida pola UAMI. En total, organizaranse 1.560 horas en cada curso escolar, distribuídas a partes iguais en dous módulos: por unha banda, programas de dinamización socioeducativa e cultural; e polo outro, o apoio educativo á adquisición de competencias lingüísticas, culturais e sociais.

A través deste proxecto, os principios básicos que o Concello busca con este programa son:

– Impulsar a integración social.
– Incidir no ámbito educativo non formal para favorecer a cohesión social.
– Apoiar o desenvolvemento educativo da infancia e adolescencia estranxeira.
– Promover a adquisición de competencias lingüísticas que facilite a integración da poboación infantil e adolescente estranxeira a nivel educativo.
– Abordar a autonomía, a responsabilidade individual e social, a autorregulación da aprendizaxe, a comunicación interpersoal e intercultural, a cooperación e a igualdade entre ambos os sexos.

25 de maio de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.