O Concello da Coruña colabora con Mobi-liza para fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte

Sinatura do convenio Mobi-liza
A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, asinou un convenio de colaboración coa entidade Mobi-liza para desenvolver iniciativas que contribúan á promoción do uso da bicicleta como medio de transporte eficiente, saudable e ecolóxico.
O acordo alcanzado con Mobi-liza suma ao asinado a semana pasada co Club Ciclista Riazor para impulsar tamén a utilización da bicicleta como alternativa viable e segura na cidade e para promocionar a concienciación e sensibilización da sociedade en materia de mobilidade sustentable. Como no caso do Club Ciclista Riazor, a achega municipal ao convenio con Mobi-liza é de 6.000 euros.
O convenio recolle as principais accións que se desenvolverán ao longo deste ano coa colaboración de Mobi-liza para levar a cabo os obxectivos do acordo:
– Actuacións formativas e informativas relacionadas coa educación aos cidadáns no fomento da bicicleta como medio de transporte con múltiples vantaxes respecto doutros sistemas de desprazamento (eficiente, saudable, económico e ecolóxico, entre outras vantaxes).
– Deseño, convocatoria e celebración de módulos formativos dirixidos a particulares e a centros educativos, empresas, entidades administrativas, asociacións e todo tipo de colectivos que precisen dunha formación para unha mobilidade sustentable, entre os que destacan os módulos de coñecementos básicos da bicicleta e do ciclousuario, aprender a manexar a bici con seguridade e circulación en bicicleta pola rúa.
– Participación naquelas actuacións que contribúan a establecer lazos de colaboración con entidades veciñais e asociacións comprometidas coa seguridade viaria e o transporte sustentable.
– Apoio e desenvolvemento de accións formativo-lúdico-culturais (como exposicións, encontros, xornadas ou xogos) vinculadas a campañas de sensibilización e formación en seguridade viaria e mobilidade sustentable, e incluídas dentro dos actos da Semana Europea da Mobilidade 2015.
– Realización de actividades de reparación e posta a piques de bicicletas para a súa posterior doazón a entidades sen ánimo de lucro, co obxectivo de promocionar o transporte sustentable e, desta maneira, fomentar o uso de medios de transporte cun menor índice de contaminación.
A firma deste convenio de colaboración supón avanzar nos compromisos adquiridos a través do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) para fomentar o uso da bicicleta polas rúas da cidade como unha alternativa de transporte real. Neste sentido, o obxectivo é multiplicar por 12 os desprazamentos diarios e, en 10 anos, pasar dos 2.000 actuais aos 25.000.











