O Concello da Coruña abre o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de inmobles
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que, desde mañá mércores, 6 de maio, e o próximo 1 de xuño, ábrese unha nova convocatoria de subvencións para a rehabilitación de inmobles, que inclúe o Plan de Ascensores.
Para esta nova bolsa de axudas, o departamento que dirixe Martín Fernández Prado destinará unha cantidade incial de 100.000 euros que se incrementará en función da demanda existente.
Destaca o importante investimento na instalación de ascensores, mostra da aposta do Goberno local por mellorar a accesibilidade e, por tanto, a calidade de vida dos veciños. Desde a chegada do Goberno local actual, incrementáronse as subvencións ata o 50% do orzamento protexido, fronte ao 10% de antes, e un máximo de 5.000 euros por veciño, fronte aos 1.500 euros que existía de tope anteriormente. Estes cambios favoreceron que neste mandato se beneficiasen máis de 3.600 vivendas grazas a un investimento de 6,28 millóns de euros no mandato.
Poderán acollerse ás subvencións aquelas actuacións que cumpran cos requisitos establecidos na Ordenanza de Conservación e Rehabilitación de inmobles, e aquelas que cumprindo cos requisitos legais necesarios, no seu caso, fosen iniciadas no período comprendido entre o 1 de marzo de 2014 e o día anterior á data de apertura da presente convocatoria sempre que se acredite fehacientemente o estado do inmoble antes do seu inicio e a imposibilidade de solicitar as subvencións por atoparse o prazo pechado.
Os veciños interesados en recibir estas axudas poden obter máis información na Oficina Municipal de Vivenda e Rehabilitación, sita no centro de lecer Os Cantóns Village, no teléfono 981 189 872, no servizo de atención ao cidadán 010 (981 920 010 si chama desde fóra da cidade da Coruña) ou na web municipal. As solicitudes deberán presentarse nos rexistros municipais habilitados.











