O colexio J. Becerra Malvar acolle o programa de prevención de drogodependencia na familia “Máis que teito”
O colexio J. Becerra Malvar acolle o vindeiro venres o programa de prevención dirixido á familia “Máis que un teito”, no que participa o SPAD (Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependecias) de Vilagarcía de Arousa.
O programa enmárcase dentro do convenio que o Concello de Ribadumia ten co SPAD de Vilagarcía no que se estipulan unha serie de actividades e programas ao longo do ano, tanto para pais como para os alumnos do J. Becerra Malvar en tema de prevención de drogodependencia.
O taller deste venres pretende proporcionar ós asistentes unha formación que facilite a reflexión dos pais/nais sobre o papel que xogan na educación dos seus fillos/as e a prevención de drogodependencias.
O SPAD colabora nesta ocasión coa ANPA do CPI J. Becerra Malvar para que os pais e nais do municipio poidan formarse en temas de prevención. A sesión informativa terá lugar o vindeiro venres 15 de maio no propio complexo escolar a partir das 20:00 horas. A charla, baixo o nome “As normas e límites na relación cos fillos e fillas” vai dirixido a familias de Ribadumia.
O programa “Máis que un teito” inclúe diversas sesións formativas dirixidas aos pais e nais nas que se abordan contidos de información sobre drogas e outras condutas aditivas; características do desenvolvemento evolutivo; habilidades educativas e de xestión familiar (estilos de autoridade, comunicación pais-fillos, autoestima, premios e castigos, supervisión, normas e límites, negociación e resolución de conflitos (etc).
O SPAD afirma que “a familia constitúe a primeira instancia de socialización e globalmente é a que ten máis influencia na formación e desenvolvemento dos nenos e dos novos”. Por iso, é esencial que os pais e nais teñan coñecementos sobre prevención de drogodependencia non só para prevelo, senón para poder educar ós seus fillos neses temas.
Dende o Concello de Ribadumia, na súa labor de concienciación en temas sociais e familiares deste tipo, pide a máxima difusión para que familias de Ribadumia poidan acudir á sesión informativa do vindeiro venres e coñezan de primeira man os contidos que se impartirán nesta actividade formativa.











