O Colexio de Xornalistas organiza o 18 de maio o segundo debate electoral en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa demarcación en Ourense, organiza un novo debate electoral, neste caso entre seis candidatos á alcaldía. Celebrarase o luns, 18 de maio, ás 20:00 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5). O acceso é libre ata completar o aforo.

O debate acollerá a seis dos representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio á alcaldía de Ourense: Miguel Doval, de Ourense en Común; Susana García, do BNG Ourense-Asembleas Abertas; Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia; Aurelio Prado, de Anova; Jesús Vazquez Abad do PPdeG; e José Angel Vazquez Barquero, do PSdeG-PSOE. Democracia Ourensana, pola súa banda, foi tamén convidada a participar no debate, pero declinou asistir.

O debate estará moderado polo colexiado e xornalista de Radio Nacional de España Abelardo Vázquez (Ferrol, 1958). Vázquez iniciou a súa carreira profesional en 1976 na emisora La Voz del Miño de Ourense e desenvolveuna principalmente en RTVE. En 2006 fixose cargo da Xefatura de Informativos en Andalucia, e en 2007 director do Centro Territorial de TVE en Sevilla, e director de Nacional de TVE entre 2008 e 2010. En 2010 volveu a Ourense, onde traballa en RTVE. O veterano xornalista tamén é colaborador e columnista en distintos medios.

Estrutura do debate

Tras a presentación do acto, cada candidato disporá de 1 a 2 minutos para resumir o seu programa, antes de comezar cos bloques temáticos sobre cuestións de actualidade para Ourense, como a economía municipal, o termalismo, os servizos sociais, o urbanismo ou o AVE. Ningún partido coñecerá de antemán as preguntas, tan só a temática de cada bloque. Haberá opcións de réplica, pero sempre outorgando ao moderador a capacidade de regular o tempo.

O debate estará aberto a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo. Ofrécense tamén os medios dos que dispón o Liceo, con micrófonos e distribuidor, para que radios e televisións poidan gravar ou retransmitir o acto. Ademais diso, o debate será retransmitido polas redes sociais co hashtag #OurenseDebate.

Os debates electorais

No mes de abril o Colexio de Xornalistas lanzaba unha proposta ás formacións políticas ofrecéndose a organizar debates electorais. O CPXG defendeu desde sempre estes encontros entre as distintas ofertas electorais como unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto. Con tal fin, elaborou un documento que lle fixo chegar as formacións políticas que concorren ás urnas o vindeiro día 24.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

15 de maio de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.