O Colexio de Xornalistas organiza o 12 de maio un debate electoral cos candidatos á alcaldía de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa demarcación en Lugo, organiza un debate electoral entre seis candidatos á alcaldía de Lugo. Celebrarase o vindeiro martes, 12 de maio, ás 18.30 horas no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes da cidade da muralla. O acceso é libre ata completar o aforo.

O salón de actos do instituto acollerá a seis dos representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio: Rubén Arroxo do BNG Lugo -Asembleas Abertas; Jaime Castiñeira do PPdeG; Olga Louzao de Ciudadanos; José López Orozco do PSdeG-PSOE; Carlos Portomeñe de Alternativa Cidadá de Esquerdas – Esquerda Unida; e Santiago Rocha de Lugonovo.

O debate estará moderado pola colexiada e xornalista de Radio Lugo – Cadena SER, Tania Lombao (Castro Ribeiras de Lea, 1989). Tamén é colaboradora de El País, Europa Press e Axencia EFE. Actualmente compaxina o seu traballo na radio coa súa tese doutoral.

Estrutura do debate

As intervencións versarán sobre cinco bloques temáticos máis unha quenda inicial de presentación e outra final de conclusión. Os temas a tratar serán de actualidade como dotación de servizos no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti); a corrupción, que tras o paro é o principal problema para a cidadanía ou pactos e alianzas postelectorais moi probables segundo as enquisas. Os candidatos tamén terán oportunidade de expoñer as súas propostas sobre diferentes materias. As quendas de intervención serán dun minuto e de trinta segundos para réplica.

Os debates electorais

No mes de abril o Colexio de Xornalistas lanzaba unha proposta ás formacións políticas ofrecéndose a organizar debates electorais. O CPXG defendeu desde sempre estes encontros entre as distintas ofertas electorais como unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto. Con tal fin, elaborou un documento que lle fixo chegar as formacións políticas que concorren ás urnas o vindeiro día 24.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

7 de maio de 2015 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.