O Colexio de Psicoloxía forma a forenses para avaliar a menores vítimas de violencia sexual
Este sábado 23 de maio a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acolle unha actividade formativa para psicólogos e psicólogas forenses expertos na avaliación de menores vítimas de violencia sexual. En Galicia non existe ningunha organización nin entidade específica para a avaliación nin a intervención forense das vítimas deste tipo de delitos, o que demostra a necesidade de cursos coma este que promove o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través da Sección de Psicoloxía Xurídica.
Imparte este obradoiro Mariana Abeledo, psicóloga especializada no ámbito xurídico-forense e especialmente na avaliación e intervención con menores vítimas de violencia sexual. Destaca a súa ampla experiencia como perito no equipo do Programa de Avaliación e Tratamento de Menores Vítimas de Violencia Sexual, integrado no Servizo de Peritaxe Psicolóxica da Fundación Márgenes y Vínculos. Abeledo ten traballado tamén en programas de menores infractores e de reeducación de agresores de violencia de xénero derivados pola mesma fundación, polo Colexio de Psicólogos de Andalucía Occidental e pola Junta de Andalucía.
No obradoiro deste sábado preténdese ofrecer coñecementos, ferramentas e técnicas que lles permita aos e ás profesionais identificar as principais liñas de actuación a desenvolver na avaliación psicolóxica forense con menores vítimas de violencia sexual. O desenvolvemento será principalmente práctico e prestará unha especial atención á avaliación psicolóxica forense, tendo en conta factores como a credibilidade ou a afectación, así como á obtención da proba preconstituída, á vez que se abordará a defensa oral do informe pericial psicolóxico.











