O Club de Tiro Olímpico Laracha promove os proxectos para crear sede social e galerías de tiro en Soandres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha ten en fase de tramitación a concesión das licencias urbanísticas solicitadas polo Club de Tiro Olímpico Laracha para a construción no lugar de Vilar da Fraga (parroquia de Soandres) do local da entidade, unha galería de tiro olímpico e un campo de tiro ao prato.

Os promotores desta iniciativa pretenden establecer a sede social do club de Tiro Olímpico Laracha nese lugar da zona interior do Concello e teñen proxectadas tres actuacións, diferenciadas pero complementarias, en dúas parcelas contiguas adquiridas recentemente para tal fin e que suman unha superficie total duns 85.000 metros cadrados.

O local da entidade deseñado é de planta baixa e ten distintas estancias para ser empregadas como salón principal de eventos, aulas, despachos e aseos adaptados, ademais de dispor de senllas galerías de tiro de aire comprimido a 10 metros e a 25 metros con entradas independentes, contando cas salas de puntuacións e de control precisas.

A zona que se empregará para o tiro ao prato será ao aire libre, estará claramente delimitada e comporase das correspondentes áreas para os postos de tiro e o foso que albergará a maquinaria necesaria.

Por último, crearase unha galería de tiro olímpico de 50 metros nun edificio de planta baixa independente que disporá dos equipamentos técnicos necesarios para o seu correcto funcionamento.

A actuación proxectada e presentada no Concello da Laracha garante a protección do medio ambiente (axeitada xestión dos residuos), o illamento acústico e a eficiencia enerxética das novas instalacións.

Debido ao emprazamento propostos polos promotores, este proxecto precisa do correspondente informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre usos autorizables en solo rústico. Por este motivo, e cumprindo coa normativa establecida, o expediente estará en exposición pública por un período de vinte días hábiles a partir de mañá mércores. As persoas interesadas poden consultalo no servizo de urbanismo do Concello da Laracha.

Tamén se require para poder obter a licenza municipal dos preceptivos informes sectoriais favorables dos diferentes organismos (Medio Ambiente, Conservación da Natureza, estradas e Augas de Galicia).

O presidente da Federación Galega de Tiro Olímpico, Ángel Blas Paz Díaz, remitiu un escrito ao alcalde, José Manuel López Varela, no que mostra o seu total apoio á creación destes campos de tiro ante a escaseza de instalacións destas características na provincia da Coruña, quedando á súa disposición para achegar as informacións, suxestións, datos e normativas que se lle soliciten.

O Concello da Laracha tamén aplaude esta iniciativa privada porque, no caso de que finalmente se realice o proxecto, converterá ao municipio nunha referencia para a práctica das diferentes modalidades de tiro, o que tamén suporá unha maior afluencia de visitantes da que se beneficiaría o sector servizos e o comercio local, especialmente na zona interior do concello.

12 de maio de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.