O Club Alagua acude con alumnos da escola de vela a unha regata en Viana do Castelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Como colofón a todo un inverno de adestramento con duras condicións, varios dos máis pequenos, e os non tan pequenos membros do Club Alagua, desprazáronse o pasado fin de semana arroupados por veteranos do club e o monitor que os adestra á cidade veciña de Viana do Castelo.

Tamén os acompañaron na que sería a primeira experiencia en regata para moitos deles, os seus pais e outros membros do club, para animalos, xa que se puido gozar da regata desde a bancada existente nas inmediacións do Club de Vela de Viana do Castelo (CVVC), na contorna da cidade e desembocadura do río Lima. 

Os deportistas do club conseguiron facerse con varios postos no caixón. 

A regata transcorreu ao longo de dous preciosos días, que aínda que asollados foron moi duros polas condicións de vento que se presentaba con fortes refachos e moitos roles, complicando a navegación a estes mozos principiantes xa que toda a tarde do sábado navegouse entre vinte e vinte e cinco nós, aínda que, o domingo empezáronse as mangas con algo menos de vento, chegando a rozar nos últimos momentos da competición os vinte nós de forza.

 “Foi un inverno duro adestrando todos os fins de semana, con vento, frío e choiva, coa máis grande das ilusións, tanto por parte destes nenos que puideron acudir á regata, como polos seus compañeiros que non puideron acompañarnos. Estou moi contento cos resultados obtidos, esperando poder adestrar de forma máis continuada no verán, coa chegada da epoca estival e compaxinalo con outras actividades como as clases de iniciación á vela que vai levar a cabo o club esta tempada, de forma máis presente que durante o inverno”, afirmaba Brais Acevedo, monitor do club, e deportista forxado en Camposancos desde os seus inicios, adquirindo formación complementaria tanto no centro de alto rendemento de Villagarcía, como participando en regatas de vela lixeira e de cruceiro ao longo da xeografía Galega e Portuguesa.

O Club Alagua, trata de fomentar o deporte da vela na zona do Baixo Miño, achegándoa a todos, cos medios persoais e materiais cos que dispón, así como con axuda e apoio da Federación Galega de Vela, dos concellos da Guarda e do Baixo Miño, e en especial a Entidade Local Menor de Camposancos que é a que dá aloxamento a este club, e máis recentemente co apoio da Flota Vaurien Galicia, a través de Nacho Campos, que foi un mentor para Brais Acevedo cando empezou a competir nesa clase.

Estas son as clasificacións dos participantes:

Brais Acevedo e Nahir Álvarez, 4º posto clase Vaurien.

Pablo Pérez, e Rubén Mauri, 6º posto clase Vaurien.

Roberto Barreiro, e Cristina Domínguez, 1º posto clase 470.

Eva Vicente 2º e Héctor Álvarez 4º na categoría de Optimist Iniciación.

Víctor Álvarez 1º posto en clase Láser Pico.

14 de maio de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.