O Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia de Mos organiza unha tarde de teatro e música para festexar as Letras
O vindeiro domingo 17 de maio o Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia de Mos organiza no auditorio do Pazo de Mos unha tarde de teatro e música, onde ademais se fará un repaso á vida de Xosé F. Filgueira Valverde, homenaxeado do Día das Letras Galegas.
Ás 18:30 h. comezará a obra de teatro VILAR DE INFERNO, a cargo da compañía “Pinchacarneiro”. A obra é o persoal homenaxe de Pinchacarneiro a un dos seus xéneros máis queridos: O Western. Un espectáculo metade comedia metade acción, que os levará directos a 1890. Unha aventura ó máis puro estilo “Por un Puñado de Dólares”, “A morte tiña un prezo” e “O bo, o feo e o malo”.
A continuación teremos un concerto do grupo de gaitas “A Vacaloura Vermella” no que non van faltar novidades e sorpresas. O repertorio estará conformado, na súa práctica totalidade, por temas propios compostos polos membros do grupo, algúns deles inéditos. Os gaiteiros, que seguen traballando na gravación do seu primeiro disco, vannos interpretar en primicia co gallo da celebración deste Día das Letras Galegas.
O acto será de balde para todos os asistentes.











