O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 3º Autocross Carballo o vindeiro 30 de maio

Presentación da proba
Un ano máis a escudaría Máis Motor (+ motor) abre a tempada no Circuíto de Motor de Bértoa, neste caso co 3º Autocross Carballo, quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross. Está previsto que o sábado 30 de maio entre 70 e 80 pilotos tomen a saída nas distintas categorías: Kart-Cross, 4×4, -1.600cc e +1.600cc. Nestes momentos segue aberto o prazo de inscrición, até o mércores 27 de maio. Respecto dos horarios da cita, o sábado 24 ás 9.00, 9.15, 11.00 e 11.15 horas serán as verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.00 horas, e despois da comprobación da listaxe de pilotos, xa dan comezo os primeiros adestramentos. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, disputaranse as semifinais, coas finais previstas a partir das 17.15 horas e a rolda de prensa cos vencedores da proba e a entrega de trofeos a partir das 19.30 horas. O presidente de Máis Motor, Juan Puga, quixo agradecer o apoio do Concello de Carballo e dos patrocinadores, que fan posible a celebración da proba, e animou ao público a que acuda ao circuíto, que este ano mellorou o firme cun novo material para a celebración das carreiras. O Autocross Carballo celébrase xusto no ecuador do Campionato Galego, no que os pilotos de Máis Motor están sendo os mellores ata o momento. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou a importancia desta cita que proba “o dinamismo das entidades de motor de Carballo”. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén lle agredeceu a Máis Motor o seu compromiso co autocross e coa cita.
Ferrero lembrou a “aposta clara” que no seu momento fixo o Concello polo deporte do motor coa recuperación do circuíto para satisfacer as inquedanzas dos afeccionados ao motor de Carballo e da comarca de Bergantiños e manifestou a súa satisfacción por que “unha vez máis o circuíto acolla unha proba valedoira para o Campionato Galego”.











