O centro de comercio virtual “Ponte a comprar” estará operativo en xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o responsable do Servizo de Novas Tecnoloxías do organismo provincial, Amancio Varela, fixeron esta mañá un balance da posta en marcha de varias iniciativas para a modernización empresarial da provincia e a mellora da súa competitividade: proxectos coma DepoGap, que procura a optimización da xestión de bens e activos municipais; a apertura de 7 oficinas CPAE 2.0 para o asesoramento especializado das máis de 64.000 pequenas empresas e autónomos da provincia; ou a posta en marcha, o próximo mes de xuño, da plataforma de comercio electrónico “Ponte a comprar” para a comercialización en liña dos produtos propios da provincia de Pontevedra.

DepoGap: xestión de activos da provincia

Inmersa no desenvolvemento do proxecto europeo para a xestión dos bens e activos da provincia, a Deputación de Pontevedra apoia a mellora da xestións dos concellos mediante esta iniciativa, que xa permitiu a catalogación de máis de 250.000 bens públicos (30.000 farois, 2.000 quilómetros de estradas, 26.000 rúas, 12.000 contedores…).

Amancio Varela puxo de manifesto que esta “optimización de activos facilita a toma de decisión en tempo real e que a cidadanía poida participar”. O proxecto DepoGap tamén lles permite “ós concellos cumprir co R. d. do Regulamento de Bens e Entidades Locais en aras dunha mellor xestión dos recursos públicos”.

A través do proxecto DepoGap a Deputación tamén puxo en marcha unha plataforma web que vai permitir fomentar a participación dos cidadáns nos asuntos públicos e que, ademais, lles permitirá ós responsables municipais tomar decisións en tempo real. Neste momento xa se están a cargar na plataforma os bens e recursos catalogados.

Co obxectivo de promover un maior aforro enerxético, ó amparo de DepoGap, os técnicos da Deputación tamén están a realizar diversas probas piloto en fogares, instalacións deportivas e edificios municipais para conseguir reducir o gasto eléctrico, optimizar os recursos enerxéticos e mellorar os seus equipamentos.

Centros provinciais de asesoramento empresarial 2.0

Rafael Louzán e Amancio Varela tamén deron conta da boa acollida por parte do sector empresarial da provincia, con especial interese para as pequenas empresas e traballadores autónomos, da posta en marcha dos centros provinciais de asesoramento empresarial 2.0 (CPAE) en marzo de 2014.

Máis de 2.413 empresas (delas, o 75 % pemes e o 25 % autónomos) xa acudiron a estas oficinas para solicitar o asesoramento personalizado e gratuíto dos seus especialistas en Novas Tecnoloxías. Na actualidade nestes centros estase a asesorar a máis de 1.100 empresas e autónomos e resolvéronse 3.230 consultas de distinta temática (como ter presenza na rede, márketing en liña, uso das redes sociais, xestión empresarial, comercio electrónico ou facturación).

Co fin de responder e atender mellor esta demanda empresarial, nas oficinas CPAE 2.0 tamén se puxeron en marcha diversos ciclos de obradoiros centrados en mellorar a capacitación tecnolóxica de empresarios, autónomos e emprendedores.

En total impartíronse máis de 1.330 horas de charlas, obradoiros e mesas redondas, que contaron coa participación de máis de 2.000 persoas.

Na actualidade hai 6 puntos CPAE 2.0 (situados en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo) e unha oficina coordinadora en Pontevedra á que se derivan as consultas máis complexas e na que se xeran todos os contidos.

Ademais do servizo de capacitación tecnolóxica, a Deputación ofrece outros cinco servizos máis: información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC; titorización na incorporación das Novas Tecnoloxías; demostración de produtos e solucións TIC; acompañamento para o uso do comercio electrónico; e procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico.

www.ponteacomprar.com estará operativa en xuño

O xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra tamén anunciou que o vindeiro mes de xuño comezará a funcionar o centro de comercio virtual “Ponte a comprar”. A plataforma foi presentada hai uns meses e xa está en produción mentres os técnicos verifican que todo funciona correctamente.

400 empresas queren adherirse a “Ponte a comprar”

Máis de 1.500 empresas asistiron ás xornadas informativas realizadas sobre a plataforma e máis de 400 xa solicitaron adherirse a “Ponte a comprar”. Delas, 193 participaran nunha primeira fase da posta en marcha da plataforma de comercio electrónico.

Na actualidade este centro conta con datos de 55 compañías, e máis de 7.900 fotografías de 1.900 produtos e servizos que estarán dispoñibles a partir do próximo mes de xuño.

Con este novo servizo a Deputación dá un paso máis na promoción e modernización do tecido produtivo da provincia, abríndolles ós autónomos e ás pemes a porta do comercio virtual.

Este servizo permitirá comercializar en liña, baixo unha plataforma única, os produtos propios da provincia de Pontevedra, con especial atención a sectores estratéxicos coma alimentación, restauración, turismo, lecer, hostalería e cultura.

28 de maio de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.