O Casfer Cerramentos proclámase campión da Liga de Fútbol Sala de Lousame
O conxunto do Casfer Cerramentos proclamouse campión da Liga de Fútbol Sala do Concello de Lousame tras vencer na final ao Bar Touliña por dous goles a un, despois dun disputado e igualado encontro disputado na noite de onte xoves no pavillón polideportivo de Lousame. Deste xeito, o Casfer Cerramentos proclámase campión por segundo ano consecutivo, xa que na edición de 2014 tamén vencera ao Fruíme FS, que este ano quedou en terceira posición.
O Casfer Cerramentos baseou o seu dominio nunha gran defensa, rematando como o equipo menos goleado do campionato. Pola contra, Manuel Ángel Outeiral Hermida, do finalista Bar Touliña, alzouse co trofeo ao máximo goleador. O terceiro clasificado foi o Fruíme Fútbol Sala, que derrotou ao Bar Texano-Imprenta Guttemberg por 5 goles a dous.
A gran final contou coa presenza da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen fixo entrega dos premios aos dous primeiros clasificados, así como os galardóns individuais ao porteiro menos goleado e ao máximo goleador.