O candidato do PSOE en Ourense continúa porque lle pesa máis a responsabilidade que a coherencia
O candidato do PSOE á Alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, seguirá sendo o aspirante con motivo das eleccións municipais tras ser imputado porque, segundo defende, “pesa máis a responsabilidade que a coherencia”.
Barquero convocou unha comparecencia este martes ante os medios con hora e media de antelación, despois de transcender que o Xulgado de Instrución número 3 de Ourense o citou a declarar en calidade de imputado tras as eleccións municipais, en relación á causa da directora xeral, tal como o definiu el mesmo.
As súas primeiras palabras foron para detallar as sucesivas responsabilidades adquiridas dende que en decembro, con motivo das primarias no PSOE, afirmou que non sería candidato se fose imputado, igual que calquera da súa lista. Dende entón, segundo sostivo Barquero, foi adquirindo responsabilidades ante o seu partido e ante os cidadáns, coa presentación da súa candidatura.
Neste momento “froito da imputación”, viuse na situación de “ter que elixir entre a coherencia co dito en decembro, e as responsabilidades asumidas dende entón”.
“Hoxe non é un día de dimisións”, subliñou, para detallar que non vai abandonar o barco nin deixar a ninguén na estacada”. Ademais, agregou que hai momentos da vida nos que hai que escoller “e este é un deles”.
“TOCA QUE FALEN OS CIDADÁNS”
Na súa comparecencia, sinalou que a tres semanas das eleccións municipais “o que toca é que falen os cidadáns” porque “son soberanos”. Segundo dixo, intentará “convencelos” de que depositen a súa confianza no candidato e de que a xunta de Goberno “actuou sempre con boa fe e entendendo que tomaba decisións no marco da lei”.
Barquero recordou as circunstancias do nomeamento de Carmen Rodríguez Dacosta -número dous da súa candidatura e secretaria xeral do PSOE local- como directora xeral de Persoal do Concello, que agora motivan a súa citación para declarar como imputado e o de toda a xunta de Goberno de 2013.
“Decidimos tal como dicían os informes dos técnicos municipais”, agregou, e dixo esperar que os veciños lle dean a súa “confianza”. “Non toca outra cousa que formular que decidan eles”, polo que a súa comparecencia foi ademais un “acto de renovación do compromiso” cos veciños aos que reiterou que quere “ser o seu alcalde”.
Nese sentido non quixo opinar sobre a posible repercusión da súa citación xudicial nos resultados electorais. “Do que non teño datos, non falo”, apostilou.
Tamén reiterou o argumento de que a súa decisión de seguir como candidato foi tomada “en clave de responsabilidade” e engadiu que en función deses resultados, terá en conta que o seu futuro “non é a política senón a docencia” a súa profesión.
AMPARO DO CÓDIGO ÉTICO
O candidato socialista, a preguntas sobre a súa decisión no ámbito do partido, subliñou: “Que ninguén se equivoque, estou baixo o amparo do código ético”. Ademais, indicou que esa norma interna lle impedirá estar no PSOE cando se sente no banco.
Ese non é o momento do proceso xudicial, segundo concretou, pois está citado para declarar como imputado no xulgado de instrución. “Cando un vai sentar no banco é cando hai que dimitir”, engadiu e admitiu non falar diso co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. “Son transparente e todo o mundo sabe o que opino”, concluíu.











