O candidato do PP en Ourense pide que o aspirante socialista que abandone a lista tras ser imputado
O candidato do PPdeG á Alcaldía de Ourense, o tamén deputado autonómico Jesús Vázquez, aposta por que o aspirante socialista, José Ángel Barqueiro, abandone a lista do PSdeG tras ser imputado por un suposto delito de prevaricación. A xuízo do exconselleiro de Cultura e Educación, “sería triste” ver a un concelleiro que quere “dar estabilidade” á cidade “declarando como imputado” nos xulgados.
Ademais, manifestou que sería unha cuestión de “coherencia”, en referencia a que o candidato do PSdeG dixera que se fose imputado, non se presentaría, aínda que despois de coñecer que a Fiscalía pedía para el esta situación xudicial, deixouno no aire.
En declaracións aos medios nos corredores do Pazo do Hórreo, Jesús Vázquez, cuxo partido leva imputados encabezando listas como Nelson Santos (no Porriño, Pontevedra) e Argimiro Marnotes (O Carballiño, Ourense), indicou que a imputación do candidato de Ourense “non deixa de ser un cúmulo máis, unha circunstancia máis das moitas que levamos vivindo na cidade”.
Así, advertiu da situación de “desgoberno e de xudicialización de todos os aspectos que levan feito no Concello”. “Eu creo que debería adoptar esa decisión (marcharse). Está a tempo de non facer máis dano”, considerou.
Jesús Vázquez, que expresou o seu “respecto á presunción de inocencia”, incidiu en que se está falando da cidade. “Deberiamos ser coherentes e se buscamos un Ourense estable, creo que sería triste ver a un concelleiro, a un candidato, que vai estar declarando como imputado e estar sometido a un proceso de imputación”, aseverou.
Para o candidato popular, “está a facerse un dano á cidade”, algo que apoiou na “suma de circunstancias”. En Ourense, durante este mandato, houbo diversas imputacións a membros da xunta local e o alcalde saído das urnas -Francisco Rodríguez- foi detido no marco da ‘Operación Pokémon’, tras o que deu a substitución no bastón de mando quedando o grupo municipal socialista fracturado.
“É NECESARIA A ESTABILIDADE”
“Por tanto, é necesario que Ourense teña unha estabilidade, que non se pode dar desde o que é esa situación. Sería moi difícil ver a un concelleiro que quere dar estabilidade e devolver a normalidade á cidade de Ourense desde os xulgados”, manifestou Jesús Vázquez, en alusión a unha situación similar á ocorrida na capital galega, na que toda a xunta de goberno local foi condenada por prevaricación, tras o que foron absoltos pola Audiencia Provincial da Coruña.
Preguntado por se esta situación favorece ao PP, tendo en conta que dirixentes socialistas vexan detrás desta situación aos populares, Jesús Vázquez rexeitou esta reflexión e indicou que se trata de “oito anos, agravado os últimos catro” de “paralización e desgoberno” en Ourense.
“É unha pinga máis, o vaso está desbordado”, abundou o candidato popular, quen opinou que “se fose coherente, adoptaría outra decisión, polo ben e a estabilidade da cidade”.
“Non se trata de que favoreza a un partido , senón de devolver a imaxe e o prestixio aos políticos. Con este tipo de acontecementos vai ser moi difícil”, agregou o candidato do PP, quen denunciou o “escapismo”.











