O C.R.D.O. Ribeiro pecha co Real Club Náutico de Vigo o patrocinio por cinco anos
O Real Club Náutico de Vigo asinou hoxe coa Denominación de Orixe Ribeiro un acordo de patrocinio plurianual para a súa regata de cruceiros máis importante,que desde esta edición, a quincuaxésima segunda (52ª), pasa a denominarse Regata Ribeiro Rías de Galicia, como unha chiscadela da proba a toda a expansión que a mesma levou ao longo da súa historia, converténdose no evento máis importante da vela pesada galega e das tres mellores de España.
Tras departir uns momentos, a presidenta da sociedade e o seu homólogo da D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, asinaron o contrato de patrocinio que durará ata 2019, o que supón un fito histórico pois asegura a viabilidade e continuidade do evento por un lustro.
A regata, que xurdiu en 1964 “grazas á determinación do Náutico de asumir un papel dinamizador da provincia a nivel turístico”,explicou a súa presidenta,“demostrouse co tempo como un magnífico promotor do turismo náutico”.
García, que defendeu na rolda de prensa posterior á firma que Galicia conta “cunhas rías que para moitos son as mellores do mundo”, manifestou que con esta rúbrica “queremos marcar outro fito na historia do club e desta competición coa firma dunha alianza que garante a continuidade desta regata coa tranquilidade de poder deseñala a cinco anos vista”. O acordo abarca cinco edicións, é dicir, desde a de 2015 á de agosto de 2019, unha operación a longo prazo xamais vista no club.
Viviana García foi contundente á hora de presentar o acordo: “Tanto o Ribeiro como o Náutico soubo rexurdir e facerse máis fortes, plantamos cara á adversidade con determinación e atrevemento, valores que no mundo da vela son fundamentais para alcanzar os obxectivos”.
Pola súa banda, o presidente da D.O. pechaba a intervención ante os medios asegurando a súa felicidade e a do pleno de adegas do Consello Regulador por “este contrato que nos vincula os próximos cinco anos como patrocinador principal da histórica e máis prestixiosa regata de Galicia”.
Para el, Ribeiro e Náutico susténtanse sobre alicerces comúns: “ambos son historia de Galicia, compaxinamos tradición e modernidade e temos novos horizontes. Na náutica, como no mundo do viño, ambos buscamos chegar máis lonxe,descubrir novos destinos, alcanzar novas metas, loitar contra os elementos e, en definitiva gozar dunha paixón que é realmente unha vocación”.
Viso incidiu en que este patrocinio chega desde a “humildade, paixón e vocación de excelencia. Náutica e viño son complementarios, Ribeiro e Náutico desde hoxe son socios e estamos seguros que ambos imos achegar unha nova ilusión por potenciar máis, se cabe, o prestixio, notoriedade e difusión dunha das regatas máis antigas deGalicia”.
A 52ª Regata Ribeiro Rías de Galicia celebrarase do 13 ao 16 de agosto próximo coas mesmas etapas que na edición de 2014 (Vigo-Sanxenxo, Sanxenxo-A Pobra, A Pobra-Combarroy Combarro-Vigo). Un brinde con viño da D.O. Ribeiro pechaba a posta enescena dun patrocinio histórico.











