O BNG considera que Hernández pactaría con calquera para seguir de alcalde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Santiago, Rubén Cela, xulgou que o actual rexedor compostelano, o popular Agustín Hernández, “estaría disposto a pactar con calquera, pero para seguir el” no cargo, e dubidou das palabras pronunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando dixo que “o pacto está no ADN de PP”.

No coloquio no marco do almorzo informativo organizado por ‘Nova Economía Fórum’, Rubén Cela tamén ratificou que “do que dependa do BNG, non vai volver gobernar o PP en Santiago”, pero non aclarou se os nacionalistas formarían parte dun ‘tripartito’ nun hipotético goberno a tres no Concello.

“Que llo faga mirar, non coñezo ningunha tradición no ámbito autonómico, estatal e municipal,” advertiu Rubén Cela, en referencia ás palabras do presidente dos populares galegos, ao respecto do que agregou que o PP gobernou de forma “absolutamente despótica, autoritaria e de absolutista durante moito tempo”.

En canto a Agustín Hernández, si considerou que “estaría disposto” a pactar con calquera en Santiago”. “Estaría disposto, pero para seguir el de alcalde”, agregou, antes de engadir que “é moi difícil, despois do que supuxo o PP, que haxa posibilidade de acordo”.

Rubén Cela advertiu que nos últimos catro anos de goberno do PP, nos que houbo tres alcaldes (Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e agora Agutín Hernández), supuxeron unha “profunda involución en moitos aspectos”. “Nunca un partido político fixo tanto dano ao prestixio e imaxe da cidade e, polo tanto, o que espero é que non volva repetir a maioría absoluta”, resolveu o candidato do BNG, en referencia ás diferentes imputacións que houbo no mandato, incluída a condena a unha xunta de goberno local, finalmente revogada pola Audiencia Provincial.

FUTURO GOBERNO

Preguntado pola súa posición se se confirman as tendencias das enquisas, Rubén Cela subliñou que “nun proceso electoral hai que ser moi claros” e “non se vén a xogar ao póker”.

“O BNG sempre falou moi claro, do que dependa do BNG, non vai volver gobernar o PP en Santiago. A partir de aí, xa veremos”, indicou en referencia, neste último caso, a se formaría un goberno de tres forzas políticas.

Así, dixo que “terá que falar a xente e ver qué conformación de corporación” local en Santiago resulta das urnas o 24 de maio.

COMPOSTELA ABERTA

Preguntado por Compostela Aberta e se cre que lle arrebatará parte do seu electorado, Rubén Cela defendeu a “diversidade e a pluralidade”, e advertiu de que o sistema electoral existente, non obstante, “penaliza” que haxa maior número de formacións na corporación.

Ao fío da pregunta, indicou que o “escenario é variable, convulso e o que eran certezas” hai uns días, logo “poden ser o contrario”. “Equivocarase quen crea que hai unha imaxe prefixada, o escenario é moi aberto e o punto de partida do BNG é moi bo”, manifestou Cela, quen dixo que o Bloque ten “o aval” de gobernar e de facer unha oposición “firme” pero responsable.

Por outro lado, advertiu ao candidato popular de que o “mandato comezou hai catro anos, non nove meses” (cando Hernández relevou a Ángel Currás á fronte da Alcaldía), e advertiu de que, aínda que se mudou de rexedor, “non cambiaron as políticas”.

Así, sinalou que se Conde Roa quixo facer “un pelotazo” no Terreo do Espiño, seguiulle Currás co parque de Galeras e Agustín Hernández “paralizando” a promoción de vivenda protexida no terreo de Xoán XXIII e transformando a parcela para vivenda “de luxo” preto da Catedral.

6 de maio de 2015 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.