O alcalde de Ponte Caldelas inicia a sesión de letura colectiva de obras de Filgueira Valverde no CEIP A Reigosa
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a concelleira Teresa Martínez Tomé iniciaron a sesión de letura colectiva de obras de Filgueira Valverde organizada polo CEIP A Reigosa e na que participan alumnos, pais e profesores deste centro educativo como homenaxe ao autor pontevedrés co gallo do Día das Letras Galegas.
Esta iniciativa prolongarase ao longo de toda a semana e paralelamente a esta letura colectiva estase elaborando un vídeo que será proxectado nun próximo festival escolar que están a preparar os mestres do centro.
Os fragmentos escollidos foron lidos de xeito intercalado por nenos que cursan 4º e 5º de Primaria así como pais e mestres do centro educativo.
Perfecto Rodríguez valorou moi positivamente esta experiencia impulsada polos profesores do centro “xa que é unha idea moi interesant que se honre o Día das Letras Galegas a través dun acto amplio e aberto no que participe toda a colectividade escolar”.











