publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Campo Lameiro presentalle a Cores Tourís o proxecto de mellora enerxética do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo Lameiro
A-
A+
Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro invitado polo alcalde da localidade, Julio Sayáns, quen lle explicou o proxecto presentado á Consellería de Economía e Industria co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética deste municipio.

No encontro, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

En concreto, o proxecto que presentou hoxe o alcalde ao delegado territorial pretende o cambio de 41 puntos de luz por lámpadas led na rúa Bernardo Sagasta, onde o sistema de acendido carece dun sistema de aforro que reduza o fluxo luminoso pola noite. “Os futuros equipos led disporán dun sistema de aforro que baixará o consumo e o fluxo luminoso nun 50% durante 10 horas ao día”, explicou Julio Sayáns, engadindo que ademais tamén solicitarase o cambio de outros 58 puntos de luz no rural, en concreto, no lugar de Veiga de San Miguel.

Xa en 2013, Campo Lameiro substituíu tamén, grazas a colaboración da Xunta, 100 luminarias do centro urbano así como outras 57 no lugar de Praderei. En 2014, foron 75 os puntos de luz substituidos, neste caso en Redonde.

Esta solicitude forma parte dun proxecto conxunto dos concellos de Campo Lameiro, Caldas de Reis, Cerdedo e Moraña co obxectivo de renovar as instalacións de iluminación pública exterior destes concellos. Así, Cerdedo mellorará a iluminación nos Castros e no lugar de Fondós. Moraña no Covelo e Caldas de Reis no lugar de Barreiros, en Regendo e na rúa Pontevedra.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, presentou este ano unha convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior á que agora se acolleron estes catro concellos de xeito agrupado”, explicou Cores Tourís. “Este programa permitiralles instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas”.

“A través deste tipos de actuacións contribúese ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís.

7 de maio de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.