O alcalde da Coruña visita xunto a César Antonio Molina a exposición ‘O primeiro Picasso’

Visita á exposición
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e César Antonio Molina realizaron hoxe unha visita conxunta á exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, que se desenvolve no Museo de Belas Artes da Coruña desde o pasado 19 de febreiro. César Antonio Molina, fillo predilecto da cidade, é autor dun dos textos do catálogo da mostra, o dedicado á vinculación de Picasso con escritores e xornalistas galegos, relación que se documenta na exposición con tres vitrinas situadas na planta superior do museo.
Durante o percorrido, o ex ministro de Cultura lembrou que na súa etapa á fronte do ministerio promoveu unha exposición de Picasso na Coruña, que, unha vez que foi relevado no seu cargo, non se chegou a realizar. É por iso que mostrou a súa “gran satisfacción” porque aquel proxecto plasmouse en 2015 nunha “extraordinaria exposición” que documenta para a posteridade o vínculo entre o xenial artista andaluz e a cidade herculina.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a colaboración de César Antonio Molina no catálogo “cun gran artigo”. Negreira tamén destacou que os “bos contactos” do intelectual coruñés “facilitaron” o préstamo de obras á actual exposición por parte do Museé National Picasso-Paris, o que permitiu que obras tan destacadas como os lenzos A rapariga dos pés descalzos ou O home da gorra se poidan ver no primeiro Picasso. “César demostrou unha vez máis o seu amor pola súa cidade natal”, subliñou o alcalde.
A exposición, que roza xa os 50.000 visitantes, forma parte do evento A Coruña 2015. 120 anos despois, promovido polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa. Este evento foi declarado Acontecemento de Excepcional Interese Público polo Goberno de España, o que leva beneficios fiscais desde o 1 de xaneiro de 2014 ao 31 de decembro de 2015 para as empresas que patrocinen o programa de actividades. Os patrocinadores de A Coruña 2015. 120 anos despois son Repsol, Gas Natural Fenosa, Estrella Galicia, Vegalsa, Gadisa, Banco Sabadell Gallego, Obra Social “A Caixa”, Luckia, Abanca, El Corte Inglés e AMA.











