Novo encontro interxeracional entre os estudantes do colexio Mercedarias e os maiores de AFAL

Encontro entre cativos e maiores
“Devolvéstesme anos de vida”. Así se pronunciaba Solita, unha das usuarias do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra, despois de recibir a visita dos estudantes de sexto curso do colexio Mercedarias de Ferrol. A visita produciuse onte pola tarde e a felicidade no seu rostro non podía ser máis evidente. A presidenta de AFAL, Milagros Prieto, explica que nos últimos meses a asociación e o centro educativo levan a cabo unha serie de encontros interxeracionais nos que maiores e nenos aprenden os uns dos outros. Onte, medio centenar de estudantes repartidos en dous grupos e acompañados das súas profesoras acudiron a AFAL para celebrar cos maiores o Día das Letras Galegas. Ambos os grupos xogaron cos maiores ao Rosco en galego, unha especie de pasapalabra e, a continuación, cantaron cos maiores “A saia de Carolina”, recitaron poemas e tocaron coa frauta o himno galego.
Ademais, tiveron tempo para conversar cos maiores. Ao termo do encontro, Solita aseguraba que: “é marabilloso que xente nova queira vir ver aos maiores”, que me gustou coma se fosen os meus netos, o que miran para un, dáme alegría”. “Grazas e grazas aos profesores e aos nenos porque un volve pensar cando era novo, cando naceron os meus netos, como axudei a crialos”. E, o mellor resumo, “aínda que estea enferma na cama, se volven, veño”. Para Milagros Prieto, as palabras de Solita son o mellor exemplo do positivo da experiencia. Unha experiencia que AFAL Ferrolterra agradece ao colexio Mercedarias, equipo directivo, profesorado, alumnos… a toda a comunidade educativa. E como exemplo da súa implicación sinalou que mesmo una das estudantes trouxo onte a AFAL unha torta que lle prepararon os seus pais para os maiores ao saber que os visitarían.











