Nove padexeiros galegos disputarán finais no Campionato de Europa
Nove padexeiros galegos disputarán finais en diversas modalidades e distancias no Campionato de Europa que se celebrar en Racice (República Checa). André Oliveira foi sétimo en C-1 1.000 metros, mentres Raquel Rodríguez e Jenifer Casal terminaron quintas en C-2 500 metros nas súas respectivas finais. Óscar Carreira, Rodrigo Germade e Teresa Portela, entre outros, loitarán este domingo polas medallas.
A xornada do sábado foi intensa na pista. André Oliveira afrontaba a súa primeira final internacional en C-1 1.000 metros. Fíxoo con valentía. Estivo igualado cos seus rivais na primeira parte da proba. Ao final terminou sétimo. Os seus obxectivos son os de estar en mellores condicións no Mundial de Milán. Na outra final con presenza galega, as pontevedresas Raquel Rodríguez e Jenifer Casal foron quintas en C-2 500 metros.
Este domingo será o día máis importante do campionato. Teresa Portela competirá en K-1 200 metros tras ser segunda na semifinal. A padexeira galega vai cumprindo ciclos no seu regreso á competición internacional despois de case dous anos de ausencia. É unha das favoritas na loita polas medallas.
Tamén o K-4 1.1000 metros con Rodrigo Germade e Óscar Carreira preséntanse como unha aposta fiable. Demostrárono ao clasificarse co mellor tempo de todos os participantes. Outro dos puntos de interese estará no K-1 500 metros, con Roi Rodríguez como protagonista. Logrou o segundo mellor tempo e a súa progresión é excelente.
Adrián Sieiro e Jacobo Lores tamén poden ter opcións no C-2 200 metros. Impuxéronse na súa semifinal. Carlos Arévalo e Cristian Toro, en K-2 200 metros, lograron a clasificación para a final despois de ser segundos na súa serie. Un bo rexistro.
O grupo de finalistas galegos complétao Diego Romero, que competirá á primeira hora da tarde en C-1 5.000 metros. É o único galego que participará en dúas probas distintas neste europeo.











