Noriega replica que Compostela Aberta non se confunde de adversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega, replicou ao líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que a súa candidatura “non se confunde de adversario” nas eleccións do 24 de maio, e achacou as críticas ao “nerviosismo” polos resultados.

Nun encontro cos medios, e preguntado pola dureza das críticas dos socialistas á súa candidatura, despois de que o propio Besteiro dedicase boa parte da súa intervención no mitin de Santiago a facer reproches velados a Noriega, o candidato de Compostela Aberta diagnosticou que “non deixa de ser unha sintomatología do nerviosismo que as outras forzas políticas (tamén o PP) teñen por que cambien o estado das cousas na cidade e se abra unha nova etapa”.

Noriega, que preguntado por se estará os catro anos como alcalde se se converte en rexedor dixo que o seu “compromiso co proxecto é absoluto”, observou, nos populares, “un nerviosismo a perder unha posición de privilexio” no goberno, que “máis ben foi desgoberno” e de “indixestión”.

Así mesmo, considerou que “algúns parece que xogan a botarlle cemento á memoria, nos últimos meses, ou a facer anuncios e actuacións que non teñen espírito autocrítico do que supuxo a inestabilidade do goberno do PP nos últimos catro anos”.

“E outros actores, lamentablemente, non saben por que estamos a recibir críticas”, agregou, en referencia velada aos socialistas, ao respecto do que “repetiu” que Compostela Aberta “non se confunde de adversario”.

“Pero non nos deixa de parecer sorprendente que altos dirixentes do PSOE como Besteiro e (Xosé Sánchez) Bugallo estean preocupados en criticar unha opción de cambio e ilusión”, abundou. Dito isto, Martiño Noriega augurou que o próximo domingo, as urnas “porán cada un” no seu sitio”.

“REPRODUCINDO ARGUMENTARIO DO PP”

E é que, Noriega observou que os socialistas “están a reproducir e compartindo o argumentario do PP”. “Non son orixinais nin para elaborar as críticas”, apostilou.

O candidato da plataforma cidadá augurou de que a base social do PSOE, a que tivo apoiou os gobernos da década dos 90, “van optar” e se “sente inteperlada” por Compostela Aberta, ao respecto de o que considerou que a estrutura partidaria do PSOE “non escoita a xente ou non percibe o que está a pasar, porque se o fixese, nunca adoptaría esa posición, de poñerse á mesma altura do PP”.

De feito, remarcou que mesmo ás veces sente “pena” por esta situación e incidiu en que el non “entra a confrontar directamente co PSOE” nos debates, aínda que “non comparta” o que eles din.

Sobre o “nerviosismo” dos socialistas, enmarcouno na posibilidade de que vexan en Compostela Aberta que representa “o voto útil”. “Espero que sexa iso, que pensar que ten que ver con equilibrios internos na cidade e ocultación con últimas etapas de goberno, de influencia de persoas como Bugallo ou Bernardino Rama”, agregou.

SOBRE O SEU FUTURO E ALCALDE DE TEO

En canto a se considera que permanecer como alcalde de Teo lle acabará pasando factura, toda vez que é un dos argumentos electorais que utilizan os seus adversarios políticos, Noriega considerou que ao contrario e defendeu que, precisamente a súa xestión no veciño concello, constitúe un valor.

“Cada vez que falan, sobe o pan”, remachou Noriega sobre as críticas á súa candidatura e o feito de que non deixara a Alcaldía en precampaña electoral. Agora ten as funcións delegadas.

En canto ao seu futuro, e despois de afirmar que Compostela Aberta “non considera a derrota”, afirmou que nese escenario que debuxa de vitoria, o seu “compromiso con este proxecto é absoluto”. “Non formulamos nin valoramos o fracaso”, insistiu.

“Estou absolutamente entregado”, insistiu, ao ser preguntado por se non consegue a alcaldía, aínda que remarcou que nese caso sería Compostela Aberta a que decidiría se el debe continuar na oposición ou non. Se del depende, manifestou que é partidario de continuar.

19 de maio de 2015 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.