Nace en Vigo o colectivo “Os Ninguéns”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Activistas de Vigo conforman o grupo promotor que impulsará este foro sociopolítico que levará a cabo estudos e relatorios sobre as repercusións da situación de pobreza nos cidadáns, facendo fincapé nas secuelas que provoca nos menores e as súas unidades familiares circundantes mediante charlas informativas en distintos puntos. O colectivo apoiarase no labor pedagóxico das ciencias socioeducativas para loitar contra a invisibilidade da pobreza e a aporofobia que existe na cidade de Vigo; e pretende mobilizar aos grupos en exclusión para que coñezan e esixan os seus dereitos ata chegarse a un punto de inflexión que incida na autoorganización dos pobres e a loita polo seu empoderamento e transformación social.

O grupo pretende aglutinar profesionais socioeducativos, intelectuais, activistas, que conformen un equipo multidisciplinar que colaborará para loitar contra as graves carencias do persoal das institucións públicas, e responderá á demanda de atención dos afectados pola pobreza severa que, contra a súa vontade, non cobren as súas necesidades básicas; colaborando na regularización dos seus expedientes e informándolles das alternativas existentes.

O colectivo, que toma o seu nome do poema de Galeano, pretende organizar seminarios de formación, que incidan por unha banda na concienciación da cidadanía e por outro na emancipación definitiva dos sectores máis empobrecidos da cidade: fará unha presentación pública o 21 de maio de 2015 no Centro social Casco Vello, ás 19:30 da tarde, na que Antón Bouzas impartirá un taller sobre Resiliencia colectiva e Carla Fernández explicará o obxectivo do proxecto.

19 de maio de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.