Mos e IGVS asinan a acta notarial pola que os veciños de San Rafael poderán empezar a escriturar os seus terreos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Sinatura da acta notarial

Sinatura da acta notarial

Tal e como xa se tiña comunicado dende o Concello de Mos, esta mañá realizouse a sinatura notarial por parte do Concello de Mos e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, IGVS, para que a esa acta se poidan ir adherindo cada un dos propietarios das 88 parcelas de San Rafael, parroquia de Pereiras. Por parte da administración local asinou a alcaldesa, Nidia Arévalo, da administración autonómica María Martínez Allegue, en representación do IGVS, e o notario Santiago Martínez Carrera.

Por suposto comapeceron tamén representantes da Asociación de Veciños de San Rafael, o secretario Municipal e a concelleira da parroquia de Pereiras, Kely Monzón.

Tras a sinatura de hoxe os propietarios xa poden ir a firmar as súas respectivas actas en turnos de 5 familias ó día en horario de 09.30 horas a 11.30 horas. Os veciños de San Rafael comezarán a asinar o luns 18 de maio, de xeito que durante esa semana (ata o 22 de maio) asinarán as 25 primeiras familias, e así sucesivamente ata completar o total de 88 que, segundo se estima, quedará rematado en tres semamas aproximadamente.

Cada propietario irá ó notario a revisar as súas respectivas fichas técnicas de parcela e a firmar a escritura conforme aceptan os metros correspondentes ás súas parcelas.

Os técnicos municipais foron os encargados de elaborar estas fichas de cada parcela, nas que en base á medición previa, establécese cantos metros cadrados lle corresponden a cada veciño.

Dende a directiva da A.VV. de San Rafael van iniciar hoxe mesmo a coordinación para organizar os turnos de sinatura de tódalas familias beneficiarias.

Os metros a maiores que se escriturarán a nome dos habitantes de San Rafael son anexos ás suas propias vivendas. Na urbanización de San Rafael existen un total de 88 vivendas. Dita superficie entregarase a favor destes particulares que constarán no Rexistro da Propiedade como propietarios dos devanditos terreos.

 A rexedora local mosense manifestou a súa satisfacción ante “a chegada do final deste proceso que ven sendo unha reivindicación dos veciños e veciñas e do propio Concello dende fai moitísimos anos” e destacou a importancia “de lograr finiquitar este trámite coa unanimidade de tódalas partes: veciños, Xunta de Galicia, Concello e grupos políticos da Corporación Municipal”. Asimesmo agradeceu tamén a colaboración en todo o procedemento da Rexistradora da Propiedade de Redondela.

Nidia Arévalo fai un balance “moi positivo, por tratarse dun momento histórico para San Rafael en particular e para o Concello de Mos en xeral, ó chegar á recta final dun trámite no que levábamos tantos anos traballando e que os veciños da zona ansiaban enormemente”.

No Pleno Ordinario do Concello de Mos do pasado 26 de marzo, aprobárase o contido da acta notarial que facultaba á alcaldesa para asinar hoxe a regularización das parcelas e cesión ó IGVS.

Antecedentes

No seu día o IGVS vendeu os terreos da urbanización de San Rafael ós veciños da mesma, traspasando pola súa banda a superficie correspondente a viais e zonas verdes e comúns ó Concello de Mos. O traspaso de metros cadrados á administración local foi calculado de xeito que se lle cedeu máis superficie da ocupada por vías e áreas comúns, por iso o Concello iniciou fai máis de 5 anos o procedemento para regularizar a inscrición deses terreos sobrantes a nome dos veciños propietarios de vivendas en San Rafael.

Rematado este procedemento quedará regularizada a situación xeral dos propietarios do barrio de San Rafael, na parroquia mosense de Pereiras. Todo o longo proceso xurídico que xa toca ó seu fin foi necesario para que os veciños de San Rafael puideran normalizar a súa situación patrimonial no que se refire ás súas respectivas propiedades ou vivendas; polo que hoxe foi un día de gran importancia e satisfacción para os particulares titulares das preto de 90 vivendas de San Rafael.

7 de maio de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.