Moncho Fernández: “Temos motivos para que este partido sexa un festexo coa afección”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro botará o cadeado ao Fontes do Sar este domingo ata o próximo outubro. Será ante o histórico Laboral Kutxa Baskonia (18.00 horas – non televisado), equipo que disputou o Top 16 da Euroliga, nun partido dedicado aos máis pequenos da casa con numerosas accións e ofertas para eles.

O técnico Moncho Fernández é consciente de que os vascos, que veñen de gañar ao recente Campión de Europa Real Madrid, “vanse a xogar unha mellor clasificación no Playoff para evitar precisamente aos brancos de novo, campións da liga regular. Se xa de seu é un equipo complicado por entidade e calidade, máis o vai a ser nesta situación”

Resalta que os de Ibon Navarro teñen un estilo “claramente ofensivo, de chegadas rápidas en transicións, cun perímetro demoledor e moi vertical, empezando polas bases e acabando por últimos en chegar ao equipo, Hopson e Hanga. Iso é o primeiro que temos que controlar, xa que na ida a gran diferenza marcouse nesas transicións. O principal é que non corran e levar o partido a media pista, e para iso hai que non perder balóns, ter acerto ofensivo e controlar o rebote.  É un equipo moi físico”, apuntou o adestrador.

Antes desta última cita na Caldeira de Sar, Fernández fai unha valoración moi positiva da tempada: “Temos que estar felices por conseguir o obxectivo hai tempo, pero tamén por seguir competindo e demostrar que non nos deixamos ir. Gañamos aquí a Unicaja e fóra a MoraBanc Andorra, dous equipos con moitísimo potencial”. Engade que “quince vitorias, que aínda poden ser dieciseis, é a segunda mellor marca do club, e batemos tamén o record de vitorias en casa, facendo de Sar un verdadeiro Fortín. Todos estes motivos son para festexar coa afección este domingo, ademais do título que supón seguir un ano máis en Liga Endesa”, concluíu. 

22 de maio de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.