Moncho Fernández afirma que a calidade individual do MoraBanc Andorra faino perigoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro puxo rumbo hoxe a Andorra, onde se medirá mañá ao MoraBanc (21.00 horas – non televisado) no que será o penúltimo partido da campaña da liga Endesa.

Moncho Fernández explicou que “aínda que hai tempo que logramos ese obxectivo que para nós é como un título, temos unha responsabilidade coa nosa afección, cos nosos patrocinadores e co noso club. A nosa obrigación é competir e seguir traballando. Queremos facelo e despedir a tempada fóra de casa con boas sensacións”.

Do rival andorrano, explica que “é un equipo que cambiou moitísimo desde o principio. Empezou cun proxecto moi potente para ser debutante, pero coa plena incorporación de Sada e Jawai e a chegada de xogadores Euroliga como Bogdanovic ou Stojanovski, agora é o máis”.

Os pirenaicos levan cinco vitorias consecutivas como locais, e dos últimos nove partidos gañaron seis, “perdendo os outros tres por moi pouco, ou no caso do último contra o Real Madrid, mesmo por auténtica mala sorte na última xogada”, como indica o de Pontepedriña.

Resalta especialmente “a calidade individual e o talento que teñen en todas as posicións, que fai que sexan perigosísimos”, ao que engade nomes propios de “excelentes pasadores e tremendos tiradores: David Navarro, Betinho, Schreiner, Bogris, etc. Meten moitos puntos porque os teñen en todos os postos”.

Para “minimizar ou frear a súa capacidade ofensiva”, os obradoiristas teñen que, segundo o técnico “estar moi ben no un contra un e facer que o partido vaia a menos puntos do que é habitual neles, xa que adoitan porse por encima do oitenta nun dicir amén. Iso é un traballo colectivo”, diagnostica.

Contará o equipo galego con todos os seus efectivos, a pesar de que Corbacho e Waczynski séguense recuperando de senllos lances no anterior encontro, e Chagoyen adestrou con molestias nun talón durante a semana.

15 de maio de 2015 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.