Metaldeza participará no II Congreso de Construcións e Estruturas Metálicas de Galicia
Metaldeza asistirá ás xornadas que organiza a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) entre os días 1 e 2 de xuño no Parador dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. O “II Congreso de Construcións e Estruturas Metálicas de Galicia” contará coa participación de profesionais e intervintes procedentes, ademais do mundo da empresa, da universidade, profesores e alumnos e das administracións.
María Dolores Blanco Ramos, directora comercial de Metaldeza, ofrecerá unha charla sobre “A internacionalización como clave do éxito nas construcións e estruturas metálicas”.
A responsable comercial da firma, falará na súa conferencia sobre a súa experiencia na internacionalización que Metalúrxica do Deza comezou no ano 2010 e que a levou na actualidade a estar presente en lugares como Latinoamérica, Francia, Alemaña, Reino Unido e África.
Este evento nace coa intención de pór en valor a construción e estruturas metálicas, así como para fomentar un maior uso das mesmas nos proxectos e construcións actuais. A I Edición deste Congreso tivo lugar no ano 2011, contando cun gran éxito de participación e un elevado nivel nas intervencións.











