Medio Ambiente mellorará a estación de bombeo de Lameira en Marín por 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+

O Consello da Xunta  na súa reunión desta mañá, aprobou a sinatura dunha nova addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Marín polo cal a Xunta de Galicia mellorará a estación de bombeo de Lameira, neste concello pontevedrés. Esta actuación, cun importe de 1,2 millóns de euros, é necesaria para garantir un correcto funcionamento do sistema de saneamento, ao tempo que se avanza na mellora da calidade da auga da ría de Pontevedra.

Un dos obxectivos desta addenda é a introdución desta nova actuación, que achegará un importe adicional de máis dun millón de euros para mellorar o saneamento e abastecemento do Concello de Marín, ao tempo que se reaxustan as anualidades pendentes das actuacións en marcha ao ritmo de execución das obras. 

Esta actuación forma parte dun conxunto de accións que constan dun orzamento de máis de 6,6 millóns de euros destinados á mellora do saneamento do rural do concello de Marín, dos cales o Concello achega 530.000 euros. 

No marco destas accións de mellora do saneamento no rural, actualmente, Augas de Galicia está a executar a obra de saneamento Pereiro-O Pozo (490.000 euros), está licitada a obra de saneamento de Pereiro-Cadrelo (536.000 euros); ao cal hai que engadir a mellora da rede de Marín, coa mellora do colector xeral e unha nova impulsión, que suman un importe de 3,8 millóns de euros, que ten por finalidade mellorar a xestión de pluviais e a eliminación de infiltracións nas redes municipais. 

Ao longo destes anos, executáronse catro actuacións previstas no convenio para o saneamento do rural, como foron o saneamento á parroquia de Caños de Moledo (Loira), que contou cun orzamento de 500.000 euros; o saneamento na parroquia de Cidrás, cun orzamento de 102.000 euros; o saneamento na parroquia de Pardavila-Fixón, cun orzamento de 172.000 euros; e o saneamento na parroquia de Miñán-A Esperela, cun orzamento de 828.000 euros. 

O convenio para a execución de varias obras no rural e a mellora da rede de saneamento de Marín tiña por finalidade aumentar a súa eficacia na xestión das augas pluviais e unha redución significativa da infiltración, que permita un mellor funcionamento de todo o sistema de saneamento dos Praceres, co obxectivo final da mellora da calidade das augas da ría de Pontevedra.

 

21 de maio de 2015 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.