publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 230.000 euros as obras de saneamento e abastecemento en varios núcleos de Lobios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia licita hoxe as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Torneiros, O Puxedo e Xendive, no Concello de Lobios por un importe de máis de 230.000 euros. Trátase dunhacolaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia e o Concello de Lobios para a execución des actuación hidráulica que permitirá aos veciños do Puxedo e Xendive dispoñer dunha rede de abastecemento de calidade e cantidade e aos veciños de Torneiros melloraráselles a rede de saneamento da que dispoñen na actualidade.

A necesidade que se vai satisfacer no caso de Torneiros é dotar as vivendas próximas á marxe do Río Caldo dunha rede de saneamento segura e eficiente que solucione os problemas derivados da actual condución provisional que discorre superficialmente.

A principal necesidade a satisfacer no caso do Puxedo é a de fortalecer e aumentar o abastecemento de auga. Na actualidade dispón dunha rede de abastecemento e dun depósito duns 40 m³ de capacidade. Detéctanse problemas de subministración de auga nos períodos máis secos, debido á pouca entidade dos mananciais dos cales se abastece o depósito.

O núcleo de Xendive dispón dunha rede de abastecemento que subministra todo o núcleo e que se abastece a través dun depósito duns 55 m³ de capacidade, que se nutre dunhas captacións de pouca entidade polo que presenta problemas de escaseza en épocas de seca.

O proxecto estrutúrase en tres actuacións en función das medidas que se executarán en cada localización, pero no seu conxunto requiren a instalación de máis de 6 quilómetros de tubaxe, pozos, arquetas e desaugadoiros.

Con esta colaboración co Concello de Lobios, a Xunta contribúe a garantir a subministración de auga en calidade e en cantidade suficiente á cidadanía, tal como establece a Directiva Marco da Auga. Ao mesmo tempo, o Goberno galego mantén con este acordo a súa liña de cooperación cos concellos para mellorar a rede de abastecemento secundaria.

Para rede de Torneiros proxéctase unha condución de saneamento nunha lonxitude de case 500 metros, instalaranse dous novos pozos, que se sumarán aos existentes no inicio e final, e 19 arquetas de polipropileno. Deste xeito, dotaranse as vivendas próximas á marxe do río Caldo dunha rede de saneamento segura e eficiente, que solucione os problemas derivados da actual condución provisional que discorre superficialmente. 

As obras en Xendive consistirán no aproveitamento dunha captación mediante a drenaxe do terreo. Na actualidade dispón dunha rede de abastecemento que subministra todo o núcleo e que se abastece a través dun depósito de 55 m3 de capacidade, que se nutre dunhas captacións de pouca entidade o que implica problemas de escaseza en épocas de seca. Así, unhas gabias drenantes recollerán a auga ata unha arqueta de captación que levará a auga polas marxes de diversas pistas existentes nunha lonxitude de case 3.000 metros.

Tamén se realizarán dous cruzamentos coa estrada Paderne-Cantoña (OU-102), o trazado discorrerá paralelo á dita estrada polo seu foso durante aproximadamente 1.520 metros. Xunto ao actual depósito de abastecemento construirase outro complementario para garantir o abastecemento de auga nas épocas de seca. A rede completarase con 4 ventosas, dous desaugadoiros, dúas arquetas de rotura de carga e unha chave de paso. 

Ao igual que no caso de Xendive, as obras na rede do Puxedo consistirán no aproveitamento dunha captación mediante a drenaxe do terreo; ademais renovaranse a actual condución de abastecemento que conecta a arqueta de reunión co depósito de auga existente. Tamén se instalarán tubaxes nunha lonxitude de máis de 3.000 metros ata chegar ao depósito de abastecemento. Parte do trazado discorre polas marxes de diversas pistas, pero durante aproximadamente 1.200 metros vai en paralelo á estrada provincial OU-1206, por un dos seus foxos. A rede complétase con cinco ventosas e catro desaugadoiros. 

Deste xeito, fortalecerase e aumentarase o abastecemento de auga, xa que na actualidade dispón dunha rede de abastecemento e dun depósito de 40 m3 de capacidade, no que se detectan problemas de subministración de auga nos períodos máis secos, debido á pouca entidade dos mananciais que abastecen o depósito. 

Para todas as actuacións, no caso de que o terreo estea pavimentado, procederase a demoler o firme existente , unha vez instalada a tubaxe, reporanse os ditos pavimentos nos treitos onde sexa necesario. 

27 de maio de 2015 | 11:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.